A Xunta sinala que o centro de servizos avanzados da cidade das TIC será clave na transformación dixital das pemes galegas

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, informou sobre esta iniciativa impulsada polo Clúster TIC, unha infraestrutura aberta que permitirá a pemes e autónomos acceder a instalacións para desenvolver novos produtos

Apunta que o proxecto, integrado nos Hubs de innovación dixital, “enmárcase nunha visión clara de que o futuro pasa pola dixitalización”
 

A Coruña, 1 de xullo de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, acompañado do reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, informou na Coruña sobre o centro de fabricación avanzada da Cidade das TIC.

Conde, que apuntou que o sector das tecnoloxías da información e a comunicación está demostrando a súa capacidade para dotar de competitividade ao tecido produtivo galego, sinalou que este novo centro “vai permitir seguir avanzando na transformación dixital do noso tecido produtivo”, resaltando que se trata dun proxecto “de colaboración público-privada” que vai permitir contar con instalacións para o desenvolvemento de novos proxectos e produtos, e trasladar eses novos prototipos e nova tecnoloxías ás pemes.

Nese sentido, o conselleiro resaltou que “o elemento diferenciador deste proxecto é que é unha infraestrutura aberta a calquera pequena e mediana empresa ou autónomo que queira utilizar estas instalacións. A iniciativa, que se enmarca nos Hubs de innovación dixital, “enmárcase nunha visión clara de que o futuro pasa pola dixitalización”, tal e como remarcou Francisco Conde.

Así, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria lembrou que no 2021 aproximadamente o 40% de todo o produto interior bruto en Europa vai estar dixitalizado, e polo tanto “as nosas empresas teñen este reto de dixitalizarse e utilizar as novas tecnoloxías para adquirir competitividade”.

O Clúster TIC Galicia é o promotor do Centro de Servizos Avanzados Cidade das TIC, que, cunha achega da Xunta de 4,82 millóns de euros, contará con catro laboratorios para a realización de probas e con espazos para aloxar empresas do sector.

No encontro de hoxe, ademais do Clúster TIC e a Universidade da Coruña, estiveron representadas empresas e entidades socias ou futuras usuarias do centro de servizos avanzados como Imatia, Aldaba, Xoia, DosEspazos, Idom, e Egatel, ademais do Instituto Tecnolóxico de Galicia.
 

Imaxes relacionadas