Un total de 21 empresas presentan as súas oferta para executar a mellora e integración paisaxística do Camiño Inglés nas rúas Garabal e Mulas ao seu paso polo polígono do Tambre

As obras, licitadas por importe de 1 millón de euros, comezarán a finais de setembro e terán un prazo de execución de 6 meses

Os traballos incluirán o acondicionamento das beirarrúas, a delimitación das prazas de estacionamento e a habilitación dunha zona para que os camións manobren con facilidade e seguridade

Estas intervencións complementan ás que se están executando entre o Polígono do Tambre e o Cemiterio de Boisaca, que se prevén rematar este mes
 

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2020

Un total de 21 empresas veñen de presentar as súas ofertas para executar as obras de mellora e integración paisaxística do Camiño Inglés nas rúas Garabal e Mulas, ao seu paso polo polígono do Tambre, en Santiago de Compostela.

Esta actuación da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade foi licitada por un importe de 1 millón de euros, prevéndose o seu comezo a finais de setembro. O prazo de execución das obras estímase en 6 meses.

As obras son actuacións para humanizar o itinerario do Camiño Inglés nesta zona industrial, facendo compatible o paso dos peregrinos que chegan a Compostela coa normal actividade empresarial e industrial, así como coa propia do cemiterio e do tanatorio de Boisaca.

En concreto, consistirán no acondicionamento das beirarrúas; na delimitación das prazas de estacionamento (preto de 300, 50 máis das preexistentes); e na habilitación dunha zona para que os camións poidan manobrar con facilidade e seguridade.

A intervención está encamiñada a garantir a seguridade dos peóns e peregrinos, gañando espazo para as persoas, pero sen desatender as necesidades específicas das empresas, especialmente no que atinxe á mobilidade de vehículos de grandes dimensións.

Esta nova actuación complementará as obras actualmente en execución entre o Polígono do Tambre e o Cemiterio de Boisaca, que se prevén rematar este mesmo mes de xullo. Aquí os traballos permiten a reordenación das zonas de estacionamento, a construción dunha senda e a humanización das rúas, poñendo especial énfase en diferenciar as zonas de uso público das de uso privado.

As obras perseguen a recuperación de espazos para as persoas, compatibilizando a actividade industrial cunha percepción do Camiño máis amable para o peregrino. Deste xeito, os traballos compaxinan modernidade, tradición, cultura, identidade e seguridade viaria.