Conde destaca que a eficiencia enerxética, a transformación dixital e a internacionalización son eixos clave para fortalecer a industria galega

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe en Santiago de Compostela as instalacións da empresa Papelera de Brandia

Indicou que o consenso entre o tecido empresarial e os autónomos é a mellor maneira de reforzar a economía

Lembrou que o Plan de reactivación económica busca a transformación empresarial con financiamento para conceder liquidez ás empresas e axudas para impulsar a dixitalización, a internacionalización e apoiar aos autónomos

Informou sobre a convocatoria do Galicia Exporta Dixital, unha liña de apoios que xa está aberta e que se enmarca no Plan

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, apuntou hoxe á eficiencia enerxética, á transformación dixital e á internacionalización como eixos clave para a recuperación económica. “Con máis innovación, máis dixitalización e máis sustentabilidade fortalecerase a nosa produción”, engadiu.

Na visita que realizou ás instalacións da empresa Papelera de Brandia, en Santiago de Compostela, indicou que a eficiencia enerxética é a folla de ruta que servirá para reforzar o tecido industrial galego. En concreto, destacou que un horizonte enerxético verde, innovador e sostible contribuirá a diferenciar o valor dos produtos, reforzará a identidade dixital do tecido produtivo galego e permitirá unha maior proxección internacional.

Conde, así mesmo, sinalou que Galicia ten que avanzar na recuperación económica apostando pola transformación dixital, por solucións tecnolóxicas que implican un emprego de calidade, un crecemento do tecido empresarial e maiores investimentos externos.

O conselleiro resaltou que o Plan de reactivación económica busca a transformación empresarial a través de programas de financiamento que concedan liquidez ás empresas galegas e con axudas directas para impulsar a dixitalización e a internacionalización, e apoiar aos autónomos sufragando gastos día a día. Segundo o conselleiro, o consenso entre o tecido empresarial e os autónomos é a mellor maneira para transformar a economía.

Enmarcado no Plan de reactivación económica, o conselleiro informou á empresa sobre a convocatoria do Galicia Exporta Dixital, un programa de axudas que xa está aberto para que as empresas gañen en competitividade a través da dixitalización. Nesta edición, como novidade, inclúese tamén ao comercio como beneficiario.

Imaxes relacionadas