A Consellería de Educación abre o prazo para anotarse nas listaxes de docentes interinos e substitutos

O obxectivo é ter cubertas as necesidades que poidan xurdir no sistema educativo público o próximo curso en 49 especialidades

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2020

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, acaba de abrir o prazo para anotarse nas listaxes para prestar servizos como docentes interinos e substitutos, nun total de 49 especialidades. Logo de esgotadas ou a piques de esgotarse as listaxes correspondentes a estes corpos docentes, iníciase o procedemento para a incorporación de novas persoas candidatas, co fin de ter cubertas as necesidades que poidan xurdir no sistema educativo público nos vindeiros meses. O prazo para formular solicitudes é de dez días hábiles contados a partir de mañá xoves, é dicir, ata o 15 de xullo.

Para seren admitidas, as persoas aspirantes deberán posuír, na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes os requisitos da convocatoria, isto é, a titulación requirida para cada especialidade, posuír a formación pedagóxica e didáctica axeitada (con carácter xeral o título oficial de máster universitario que habilite para o exercicio das profesións de profesor de ensinanza secundaria obrigatoria e bacharelato, formación profesional ou escolas oficiais de idiomas), agás nos corpos de mestres, profesores de música e artes escénicas e artes plásticas e deseño, nos que non se esixe a formación pedagóxica. Así mesmo será necesario acreditar o coñecemento da lingua galega mediante os certificados habituais (Celga 4 ou a súa validación, curso de perfeccionamento en lingua galega ou a súa validación, título de licenciatura en filoloxía galego-portuguesa, certificado do nivel avanzado da escola oficial de idiomas ou certificado de ter superado o curso de especialización en lingua galega).

As persoas interesadas deberán formular unha solicitude e un aboamento de taxas por cada unha das especialidades nas que desexe inscribirse. Con elas deberán achegar cuberto o modelo de alegación de méritos, e unha copia da documentación xustificativa dos requisitos mínimos e da documentación acreditativa daqueles méritos que aleguen susceptibles de valoración segundo a convocatoria.
As especialidades nas que se abren as listaxes son as seguintes:

Corpo
Especialidades

Corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas

 
Chinés
Inglés
Italiano
Xaponés

Corpo de profesores de música e artes escénicas

 
Acordeón
Arpa
Fagot
Frauta travesa

Fundamentos de composición

Guitarra
Piano
Violín
Linguaxe musical
 
Educación Física
Música
Pedagoxía Terapéutica

Audición e Linguaxe

Educación Primaria

Corpo de profesores de ensino secundario

 
Filosofía
Grego
Latín
Matemáticas
Francés
Orientación

Lingua galega e literatura

Administración de empresas

Asesoría e procesos de imaxe persoal

Informática

Organización e xestión comercial

Organización e procesos de mantemento de vehículos

Organización e proxectos de fabricación mecánica

Procesos de produción agraria

Procesos diagnóstico clínico e produtos ortoprotésicos

Procesos sanitarios

Procesos e produtos en madeira e moble

Corpo de profesores técnicos de formación profesional

 
Cociña e pastelaría
Estética
Laboratorio
Mantemento de vehículos

Patronaxe e confección

Peiteado

Procedementos de diagnóstico clínico e ortoprotésico

Procedementos sanitarios e asistenciais

Procesos comerciais

Servizos de restauración

Sistemas e aplicacións informáticas

Soldadura

Técnicas e procedementos de imaxe e son

Corpo de profesores de artes plásticas e deseño

Volume

Imaxes relacionadas