O Gaiás reactiva no verán o seu programa de visitas guiadas con prazas limitadas e catro xeitos distintos de coñecer o complexo

En xullo, agosto e setembro, estas visitas guiadas permitirán achegarse á arquitectura de Peter Eisenman, ao seu funcionamento e aos seus espazos verdes

Cunha duración de media hora e entrada de balde, ofértanse diferentes percorridos de martes a domingo, con reserva previa e 10 prazas en cada quenda
 

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2020

A Cidade da Cultura de Galicia reactiva mañá mércores 1 de xullo o seu programa de visitas comentadas ampliando a oferta con diferentes opcións para coñecer a arquitectura do complexo, o seu funcionamento e tamén os espazos naturais do Monte Gaiás. Adaptándose ás medidas e protocolos da era poscovid-19, prográmanse para os meses de xullo, agosto e setembro catro modelos diferentes de visitas guiadas, de curta duración e prazas limitadas. Todas elas son de balde, para un máximo 10 asistentes en cada unha das quendas ofertadas de martes a domingo. A reserva de prazas está xa dispoñible en cidadedacultura.gal.

Os percorridos, de aproximadamente media hora de duración e guiados polo persoal do Servizo de Educación, Mediación, Información e Asistencia ao Público do Museo Centro Gaiás, ofrecen diferentes xeitos de achegarse ao complexo arquitectónico. Por unha banda, o público asistente poderá optar por coñecer as liñas e volumes proxectados polo neoiorquino Peter Eisenman nun percorrido polos exteriores da Cidade. Desde o Museo Centro Gaiás –un dos edificios máis singulares do complexo coa súa espectacular fachada acristalada de case 43 metros de altura– o percorrido incluirá a Praza Central, as icónicas Torres Hejduk, e os dous xardíns construídos no corazón arquitectónico do Gaiás –o Xardín Literario e o Xardín do Teatro– así como o espazo de xogo e lecer do Parque da Balea, que homenaxea a un dos grandes artistas plásticos galegos: o coruñés Urbano Lugrís.

No segundo modelo de visitas, os protagonistas serán os espazos naturais do monte Gaiás, a súa fauna e flora e os seus aspectos medioambientais. O percorrido inclúe parte dos sendeiros do Bosque de Galicia, o gran pulmón verde do monte, con once mil árbores de especies autóctonas –carballos, castiñeiros, bidueiros, espiños, pradairos, abeleiras, érbedos, freixos, faias…–, os paneis fotovoltaicos do complexo e as zonas de lecer infantil do Bosque de Galicia e o Parque da Balea. A visita rematará a carón do Xardín do Teatro, un atractivo espazo con especies botánicas procedentes de diferentes partes do mundo, un auditorio ao aire libre, estanques e áreas de lecer para gozar do deporte e da natureza.

A terceira visita programada céntrase na xénese do proxecto –partindo da exposición permanente das maquetas dos proxectos que se presentaron en 1999 ao Concurso Internacional de Arquitectura, os principais fitos da historia do complexo e tamén os últimos avances das obras, rematando o percorrido no miradoiro que sobre o Bosque de Galicia nos ofrece unha descoñecida e espectacular panorámica da cidade de Compostela.

A oferta complétase cunha descuberta diferente aos usos e funcións do complexo que, ademais dun achegamento as liñas mestras do proxecto arquitectónico, permitirá descubrir as claves do seu funcionamento e coñecer espazos normalmente restrinxidos ao público, como a galería de servizos subterránea, que comunica o subsolo de todos os edificios.

Medidas de seguridade

As visitas guiadas rexeranse por un estrito protocolo que incluirá, ademais da necesidade de reserva previa por se fose necesario contactar ás persoas participantes, o mantemento da distancia social entre os asistentes non pertencentes á mesma unidade familiar, a obriga de acudir con máscara de protección ou a substitución de calquera tipo de folletos ou información impresa polo seu equivalente dixital.
 

Imaxes relacionadas