O DOG publica hoxe a resolución que establece a reposición, a partir do 1 de xullo, do 100% dos servizos de autobús na mesma provincia, ao levantarse as restricións da covid-19

A Xunta restablece desde mañá a totalidade dos servizos de autobús entre Pontedeume e Ferrol, aumentando de 14 a 24 as expedicións

Estas liñas disporán de 12 saídas da Coruña e 11 de Ferrol, todas con parada en Pontedeume, de onde ademais partirá especificamente un percorrido ás 7:20 horas

Os novos contratos do Plan de Transporte Público de Galicia duplicarán as frecuencias de autobús nestes concellos, acadando 51 servizos en días laborables

Para isto, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a avanzar no proceso de licitación de dous lotes de transporte público nesta contorna

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2020

A Xunta restablece desde mañá a totalidade dos servizos de autobús entre Pontedeume e Ferrol, aumentando de 14 a 24 as expedicións diarias.

Unha vez levantadas as restricións por mor da covid- 19, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Dirección Xeral de Mobilidade que establece que a partir do 1 de xullo se deberán repoñer o 100% dos servizos de autobús de competencia autonómica dentro da mesma provincia.

Co restablecemento de todas as frecuencias, desde mañá disporanse de expedicións con 12 saídas desde A Coruña, practicamente cada hora: ás 8, 9, 10, 12, 13, 14, 16, 17, 18, 20, 21 e 22 horas. Nestes percorridos realizaranse as correspondentes paradas en Pontedeume. Ademais, haberá unha liña que partirá especificamente de Pontedeume ás 7:20 horas.

Estas liñas, en sentido inverso, tamén disporán de 11 saídas desde Ferrol, ás 7, 8, 10, 11, 12, 14, 15, 16, 18, 19 e 20 horas e todos os percorridos efectuarán parada en Pontedeume.

Mellora de servizos

Ademais, os novos contratos do Plan de Transporte Público de Galicia permitirán mellorar e duplicar as frecuencias de autobús entre Pontedeume e Ferrol, pasando a dispoñer de 51 servizos en días laborables.

Para isto, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a avanzar no proceso de licitación de dous lotes de transporte público, un para o norte da comarca de Betanzos, o sur de Ferrol e o oeste de Eume e outro para o Eixe Atlántico e a conexión con Lugo.