A Xunta de Galicia e a Fundación Repsol convocan a XIV edición do Premio de Narrativa Breve Repsol

O prazo de presentación dos traballos está aberto ata o vindeiro 31 de xullo

A dotación económica é de 12.000 euros e inclúe a publicación na Editorial Galaxia

A iniciativa impulsa e reforza a creación de literatura en lingua galega, ademais de ser unha vía de promoción para as escritoras e escritores galegos

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2020

A Xunta de Galicia e a Fundación Repsol renovan a súa colaboración e convocan a décimo cuarta edición do Premio Narrativa Breve Repsol, un certame xa consolidado e de referencia no panorama das letras galegas. Nesta nova edición o prazo de presentación de traballos na Fundación Repsol está aberto ata o vindeiro 31 de xullo e os textos deben ser orixinais e escritos conforme á normativa establecida pola Real Academia Galega. Todas as obras presentadas deben ser inéditas, cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120.

A dotación económica é de 12.000 euros e inclúe a publicación da novela gañadora pola Editorial Galaxia. O xurado estará conformado por unha persoa representante da Consellería de Cultura e Turismo, outra da Fundación Repsol, da Real Academia Galega, da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e outra da Editorial Galaxia.

O Premio Narrativa Breve Repsol foi creado no ano 2006 pola refinería de Repsol na Coruña e pola Fundación Repsol desde 2010, e convocado en colaboración coa Xunta de Galicia, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Conta, desde o inicio, co apoio da Real Academia Galega e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, así como coa estreita colaboración da Editorial Galaxia, encargada de editar as obras gañadoras.

Preto de 400 obras desde o inicio

O obxectivo desta iniciativa cultural da Fundación Repsol e a Xunta de Galicia é impulsar e reforzar a creación de literatura en lingua galega, ademais de ser unha vía de promoción para as escritoras e escritores noveis. O galardón, xa consolidado, favorece desde a súa creación a dinamización da literatura escrita en galego. Proba diso son as preto de 400 obras presentadas desde entón e as 13 gañadoras publicadas pola Editorial Galaxia.

A obra premiada na primeira edición foi Se algún día esta muller morta (Miguel Sande) e accesit para O insomnio dos centauros (Xavier Lama). Nas seguintes edicións premiouse a Así nacen as baleas (Anxos Sumai), A verdade como mal menor (Xosé Luís Martínez Pereiro), Os Fíos (Xurxo Sierra), Microbios e outros paquidermos (Fernando Díaz-Castroverde), A forma das nubes (María López Sande), O derradeiro libro de Emma Olsen (Berta Dávila), A diagonal dos tolos (Santiago Lopo), Fontán (Marcos Calveiro), Nordeste (Daniel Asorey), O sono das seras (Xosé Antonio Neira Cruz) e Extraordinario (Antón Lopo). Na última edición recaeu en Gonzalo Hermo, pola súa primeira novela Diario dun enterro.

Imaxes relacionadas