Oito equipos participan na fase final da categoría de Educación Secundaria de Parlamento Xove

O tema de debate é: Deberían incrementarse as sancións para as persoas que non respecten o medio ambiente?

Nesta final participan 32 estudantes dos 96 que iniciaron a competición

A conselleira Fabiola García salientou o papel desta iniciativa como ferramenta para fomentar o diálogo e a participación da xuventude
 

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2020

A Xunta de Galicia celebra hoxe a fase final do Parlamento Xove na súa modalidade para alumnos de Educación Secundaria Obrigatoria. Un total de 32 mozas e mozos de oito equipos diferentes participan neste torneo final cuxo tema de debate é: Deberían incrementarse as sancións para as persoas que non respecten o medio ambiente?

A conselleira de Política Social, Fabiola García, abriu esta fase animando ás mozas e mozos a continuar formándose e participando en iniciativas como Parlamento Xove, que impulsan o diálogo e a participación da xuventude. Tamén aproveitou para agradecerlle o esforzo realizado durante o confinamento provocado pola covid-19.

Deste xeito, para garantir a saúde e a seguridade de todos os participantes nesta iniciativa, a competición celébrase de maneira telemática, por videoconferencia, en vez de realizarse no Parlamento de Galicia como se acostuma a facer.

Fabiola García salientou o papel desta competición non só como ferramenta para incentivar o diálogo, senón tamén para dar a coñecer todo o potencial que atesoura a xuventude galega. Ademais, agradeceu a implicación de todo o profesorado que fomentan no alumnado a participación nesta cita, que lles permite desenvolver a capacidade crítica, a argumentación e o respecto.

Equipos participantes

Dos 24 equipos que iniciaron o programa, os participantes nesta final son: o CPR Plurilingüe Sagrada Familia (Vilagarcía de Arousa); CPR Maristas Cristo Rei (A Coruña); Colexio La Salle (Santiago de Compostela); IES A Xunqueira II (Pontevedra); IES de Becerreá; Colexio Internacional Sek Atlántico (Poio); CPR Maristas A Inmaculada (Lugo); e o CPR Plurilingüe Liceo La Paz (A Coruña). Cada equipo está formado por un profesor ou profesora e catro alumnos de 3º e 4º de ESO. Os gañadores desta fase final daranse a coñecer no día de mañá.


Cómpre salientar que a emerxencia sanitaria provocada pola covid-19 impediu a celebración das fases clasificatorias das modalidades de Bacharelato e universidades e, polo tanto, non se celebrarán as súas correspondentes finais.

Formato do torneo

Parlamento Xove é unha competición de debate na que os equipos representantes de centros educativos de toda Galicia empregan a oratoria para defender un determinado punto de vista acerca dun tema proposto pola organización. Os participantes de cada equipo –formado por catro alumnos/as e un profesor/a- analizan, escriben e debaten sobre o tema proposto, incluíndose tamén a realización dun dossier de investigación.

A dificultade da actividade está en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico se procede ao sorteo da postura a adoptar por cada equipo, a favor ou en contra, en relación á cuestión formulada. Ten por obxectivo fomentar entre a mocidade o diálogo como ferramenta para argumentar razoadamente as ideas propias, a tolerancia e o respecto polas ideas dos demais, así como potenciar as habilidades lingüísticas dos participantes.
 

Imaxes relacionadas