A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, firmou hoxe este acordo co reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López

A Xunta e a Universidade de Santiago asinan un convenio para desenvolver un sistema que converta as depuradoras en sistemas de vixilancia fronte a rebrotes da covid-19

O proxecto, no que tamén participan as empresas operadoras, busca aproveitar a información que arroxan as augas residuais, que revelan a presenza do virus unha semana antes de que aparezan os síntomas nos infectados

Rastréxase a presenza do virus nas augas e nos lodos resultantes dos procesos de depuración nas depuradoras de Vigo, Ourense, Ferrol, Sanxenxo, Lugo, Viveiro e Ribeira

Co resultado desta investigación crearase un sistema de alerta temperá para adoptar con axilidade as medidas de contención para frear a expansión do coronavirus e evitar contaxios masivos

A iniciativa suma a investigación do Instituto Cretus, o coñecemento de Augas de Galicia sobre o saneamento e a realización de PCR no Hospital Álvaro Cunqueiro

Augas de Galicia tamén forma parte doutro estudo orientado a seguir o comportamento da covid-19 a través de bioindicadores mariños

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2020

A Xunta, a Universidade de Santiago de Compostela e as empresas operadoras da auga asinaron hoxe o convenio para desenvolver un proxecto que converterá as depuradoras en sistemas de vixilancia para previr rebrotes da covid-19.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, firmou hoxe este acordo de colaboración co reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López e cos representantes das empresas operadoras da auga Viaqua, Gestagua, Emafesa, FCC Aqualia e Espina y Delfín.

Vázquez Mourelle indicou que grazas aos investigadores hoxe se sabe que as augas residuais conteñen restos do virus ata unha semana antes de que aparezan os seus síntomas na poboación afectada. Subliñou que grazas a esta investigación será posible crear un sistema de alerta temperá que permita adoptar coa maior axilidade as medidas de contención necesarias para frear a expansión do coronavirus e evitar contaxios masivos.

Ao abeiro do convenio, que ten unha vixencia de dous meses prorrogables durante outros dous, rastrexarase a presenza do virus nas augas e, sobre todo, nos lodos resultantes dos procesos de depuración de sete estacións: Vigo, Ferrol, Viveiro, Lugo, Ourense, Santiago e Ribeira.

A iniciativa é unha suma da investigación do Instituto Cretus da USC, do coñecemento de Augas de Galicia sobre as redes de saneamento e da colaboración da Sanidade Pública galega, a través do Hospital Álvaro Cunqueiro, para a realización de PCR.

Este acordo tamén conta coa cooperación das empresas responsables da explotación das 7 depuradoras incluídas neste proxecto, sumando un investimento total de 48.000 euros.

A conselleira lembrou que Augas de Galicia tamén forma parte dun estudo orientado a seguir o comportamento da covid-19 a través de bioindicadores mariños.

A este respecto, subliñou a importancia de que se desenvolvan iniciativas investigadoras que permitan dispoñer dun coñecemento máis extenso e profundo da ameaza do coronavirus.

Na súa intervención a titular de Infraestruturas e Mobilidade tamén quixo recoñecer e agradecer o traballo dos profesionais da auga e a súa actuación “exemplar” durante a pandemia. “Con anticipación, con planificación, con plans de continxencia, con provisión suficiente de material e, moitas veces, con importantes sacrificios profesionais, ocupáronse de que, en todo momento, tivésemos auga de calidade”, sinalou.

Imaxes relacionadas