A Xunta apela a fomentar a dixitalización do tecido empresarial para abrir novas oportunidades de internacionalización

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta mañá no webinario #SeguimosAdiante, onde informou sobre o programa Galicia Exporta Dixital, pensado para o impulso das novas tecnoloxías e da proxección internacional

A convocatoria, por 3,6 millóns de euros, inclúe por primeira vez axudas directas ao sector do comercio

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta mañá no webinario #SeguimosAdiante, onde informou sobre a nova convocatoria do programa Galicia Exporta Dixital (3,6 millóns de euros), pensado para o impulso das novas tecnoloxías e da proxección internacional do tecido empresarial galego.

Deste xeito, Conde vencellou a reactivación económica e laboral a unha aposta decidida pola dixitalización, situando no centro da estratexia de recuperación a innovación, as novas tecnoloxías e o talento como dinamizadores dos axentes produtivos. Unha estratexia, sinalou Conde, que permitirá actuar con anticipación e eficacia fronte aos desafíos debuxados no escenario poscovid-19.

O titular de Economía, Emprego e Industria puxo de manifesto a necesidade de xerar valor diferencial engadindo elementos de dixitalización ao modelo produtivo, que permitan tanto asegurar o fortalecemento de pemes e autónomos como blindar o seu desenvolvemento, centrándose tanto na diversificación de mercados como na proxección exterior.

Conde apelou a un esforzo conxunto do tecido empresarial para recuperar as cifras de comezos de 2020, cando Galicia rexistraba o mellor ciclo exportador da súa historia (preto de 22.000 millóns de euros en 2019). Neste sentido, comprometeuse a acompañar aos comerciantes, autónomos e pemes cara á reactivación plena da economía, fixando as ferramentas que permitan recuperar a confianza tanto dos consumidores como das propias empresas.

Esta é a segunda convocatoria do programa Galicia Exporta Dixital, activada o pasado 18 de xuño, e inclúe por primeira vez axudas directas ao sector do comercio, ademais de apoios de consultaría, axudas para o posicionamento en liña ou servizos de análise de big data.

Este programa enmárcase dentro do Plan de Reactivación Económica da Xunta, unha folla de ruta para incrementar as vendas do sector, impulsar o comercio electrónico e reforzar a fórmula do teletraballo, incluíndo o fortalecemento da presencia empresarial no entorno rural.

Imaxes relacionadas