O director xeral de Desenvolvemento Rural interveu no Webinar Landnet, un encontro inicialmente pensado no marco da FIG 2020, que se ía celebrar en Amsterdam

A Xunta participa xunto con máis de 30 países nun seminario da FAO sobre boas prácticas nas reestruturacións parcelarias

Miguel Pérez Dubois trasladou a experiencia galega, destacando o potencial deste instrumento de xestión da terra para o desenvolvemento rural

O obxectivo do seminario web foi promover boas prácticas nas parcelarias, así como a aplicación efectiva da guía legal da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO)
 

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2020

O director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, vén de participar xunto con representantes de máis de 30 países no Webinar Landnet, o seminario web que substituíu as dúas sesións de traballo sobre boas prácticas nas concentracións parcelarias que inicialmente estaban previstas no marco da FIG 2020. O encontro ía celebrarse en Amsterdam o pasado mes de maio pero foi cancelado por mor da emerxencia sanitaria a causa da covid-19.

Neste seminario telemático, a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) aproveitou para presentar a súa nova guía legal sobre concentración parcelaria, preparada en base aos resultados dun estudo de boas prácticas para a lexislación que rexe este tipo de procesos en Europa. Así, o obxectivo foi poñer en común entre as distintas rexións boas prácticas nas reestruturacións parcelarias, así como a aplicación efectiva desta guía legal da FAO, tomando como exemplo as experiencias das rexións participantes.

Por parte de España, o director xeral de Desenvolvemento Rural trasladou o labor da Xunta de Galicia na aplicación destes instrumentos de xestión da terra que, sinalou Pérez Dubois, se levan aplicando en Europa máis dun século, exercendo un papel fundamental no desenvolvemento agrario co obxectivo principal de reducir a fragmentación das parcelas e aumentar o tamaño das explotacións.

Para continuar nesta liña e facer que o proceso sexa accesible a todos os países, a guía legal da FAO entrelaza a orientación lexislativa e a técnica. Así, será útil para todas as partes interesadas, dende os lexisladores e os profesionais das reestruturacións parcelarias tanto en entidades públicas como privadas, ás persoas directamente implicadas nas concentracións.
 

Imaxes relacionadas