A Xunta entrega ao concello de baleira os títulos da concentración parcelaria de Pousada

Esta reorganización do territorio afectou 1.210 hectáreas propiedade de 178 veciños e veciñas

A superficie media das novas parcelas incrementouse en case un 500%, pasando de 3.768 a máis de 22.300 m²
 

Lugo, 26 de xuño de 2020

O director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, entregoulle esta mañá ao alcalde de Baleira, Ángel Enrique Martínez-Puga, os títulos da concentración parcelaria de Pousada, que afectou unha superficie total de 1.210 hectáreas propiedade de 178 persoas. Desta forma, dáse por concluído este proceso de reorganización do territorio, quedando a día de hoxe 101 zonas vivas en toda Galicia.

A entrega de títulos realízase desta forma para evitar a aglomeración de xente, tendo en conta a situación actual tras a emerxencia sanitaria. Porén, as persoas beneficiadas por esta reestruturación poderán recoller os seus títulos na casa consistorial cando así llo comunique o goberno local.

Este proceso de reestruturación parcelaria permitiu ampliar en case un 500% a superficie media das parcelas, pasando de 3.768 m² por finca a máis de 22.300 m². Iso significa que de 2.925 parcelas que había ao comezo do proceso conseguiuse unificar o terreo e finalizar o proceso con 489 fincas. Deste xeito, mellórase a base territorial das explotacións da zona ao dotalas de parcelas máis grandes para traballar nelas, o que deriva nunha diminución dos custos de produción das propias granxas.

O director xeral lembrou que o Goberno galego aposta e confía nestes procesos, pois son unha ferramenta fundamental para paliar o minifundismo presente na nosa comunidade, dende o punto de vista da estrutura da propiedade. De aí, insistiu, en que as novas reestruturacións parcelarias teñen unha concepción moderna da mellora das estruturas, orientadas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións.

Así, mediante o impulso a estes procesos de reorganización do territorio, dáse tamén cumprimento ao anunciado no Plan de reactivación e dinamización elaborado pola Consellería do Medio Rural para facer fronte á crise provocada pola covid-19. Ademais, as reestruturacións parcelarias seguiranse impulsando tamén da man da futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia, que vén complementar e desenvolver o marco legal actual, para culminar un camiño iniciado pola Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga).

Neste senso, Pérez Dubois subliñou que, xunto coas concentracións parcelarias públicas reguladas na Metaga, na nova lei apostarase por mecanismos de mobilización voluntaria que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras.

Previsión de futuras entregas

Por último, o director xeral lembrou que ao longo deste ano 2020, a Consellería do Medio Rural fará entrega de máis de 20.200 títulos de concentración parcelaria a máis de 9.200 veciños beneficiados por 20 procesos. Así mesmo, sinalou que na actualidade estase a traballar para poder decretar novas reestruturacións parcelarias, priorizando 27 das pendentes de decreto.