A Xunta de Galicia licita as obras de ampliación da escola infantil de Salvaterra de Miño

O centro pasará de catro unidades e 61 prazas a seis unidades e 82 prazas

O prazo de execución das actuacións é de seis meses

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2020

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar vén de licitar hoxe as obras de ampliación da escola infantil a Galiña Azul de Salvaterra de Miño por un importe de algo máis de 200.000 euros e un prazo de execución de seis meses. As empresas teñen 26 días naturais desde a publicación do expediente na Plataforma de Contratos de Galicia e no perfil do contratante do Consorcio para a presentación de ofertas.

A escola infantil de Salvaterra de Miño, incluída dentro da rede autonómica a Galiña Azul e xestionada polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, conta na actualidade con catro unidades e 61 prazas. Tras estas actuacións ampliará o número de prazas a 82 e seis unidades.

A consellería de Política Social, a través do Consorcio, asinou un convenio co concello para o financiamento destas obras por un importe de algo mais de 200.000 euros. A Xunta investirá 161.000 euros e o concello de Salvaterra de Miño asumirá a cantidade restante, ademais dos custes derivados da redacción do proxecto, dirección de obra, etc. Está previsto ademais que a Consellería de Política Social invista, unha vez executadas as obras, 38.000 euros mais no equipamento das aulas.

A escola infantil de Salvaterra de Miño púxose en funcionamento no ano 2015 e conta cunha importante demanda, rexistrando lista de agarda nos últimos cursos. O centro da servizo ao concello de Salvaterra e a comarca do Condado.