Feijóo pon en valor o papel da muller emprendedora, piar clave para a economía galega

Salienta que o 57,7% da actividade emprendedora en Galicia lidérana mulleres, sendo a galega a terceira comunidade con maior taxa de actividade emprendedora feminina

Pola súa banda, as catro mulleres emprendedoras participantes no acto fixeron fincapé na importancia de contar con apoios para facer realidade un proxecto, e de continuar co camiño da dixitalización, fundamental para a internacionalización
 

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, puxo hoxe en valor o papel da muller emprendedora, piar clave, aseverou, para a economía galega e xerar emprego e riqueza. Non en van, lembrou que o 57,7% da actividade emprendedora en Galicia lidérana mulleres, sendo a galega a terceira comunidade con maior taxa de actividade emprendedora feminina; e, no que se refire a traballadores autónomos, as mulleres representan o 41,2%, convertendo Galicia na primeira autonomía con máis presenza feminina neste colectivo.

Durante a súa participación nun webinario de Mulleres Protagonistas, Feijóo reflexionou, con emprendedoras e autónomas, sobre os apoios e as dificultades no camiño do emprendemento feminino e constatou que cada unha das participantes neste foro proban que Galicia está chea de talento.

Ao respecto, destacou a traxectoria de María del Pilar Veiga, veterinaria cofundadora dun obradoiro artesanal de queixos nos Xiros, en Labrada, concello de Guitiriz. Un negocio que non só aposta por achegar valor engadido a un sector tradicional como é o lácteo, e o fai desde o rural.

No tocante á Inés Rodríguez, que elabora a súa colección de téxtiles, ademais de deseñar para outras firmas, o titular da Xunta destacou a súa aposta polo rural e pola cultura galega, así como o seu compromiso polo liderado feminino na Comunidade, a través da asociación Executivas de Galicia.

Da emprendedora Bibiana Rodiño, enxeñeira mecánica e fundadora da start-up dedicada ao deseño e fabricación de implantes a medida, innovadores para uso veterinario, subliñou que o seu traballo confirma que a biotecnoloxía é un dos sectores máis importantes no presente e, sobre todo, no futuro. E de Sofía Rodríguez resaltou a aposta da súa empresa de cosméticos de orixe natural e orgánico pola venda online.

Ao longo da súa intervención, Feijóo incidiu na importancia de seguir sendo unha terra atractiva para investir, acompañando e apoiando proxectos viables, tanto na súa posta en marcha, como na súa fase de crecemento e consolidación, impulsando a aposta pola innovación e dixitalización. “Estamos a falar da importancia de seguir desburocratizando a administración pública; de seguir facilitando a implantación de actividades económicas, xa sexan industriais, comerciais ou de servizos; e de axudar a cambiar o modelo tradicional pola dixitalización”, abundou.

O presidente da Xunta expuxo tamén a necesidade de seguir traballando pola igualdade real e efectiva, unha responsabilidade de todos, “porque aínda quedan teitos de cristal en moitos sectores”, dixo, recordando ademais as dificultades que moitas mulleres atopan para conciliar a súa vida laboral e familiar.

Feijóo tivo a oportunidade de escoitar as catro mulleres emprendedoras participantes neste encontro. Así, María Pilar Veiga fixo fincapé na importancia de contar con apoios para facer realidade un proxecto, recordando a axuda que atopou en ViaGalicia, a aceleradora de Zona Franca e a Administración autonómica, que presta apoio e asesoramento a ideas como a súa. “ViaGalicia ensinoume moito sobre o emprendemento pero, sobre todo, a como adaptarme ás situacións como a covid”, aseverou.

Pola súa banda, Bibiana Rodiño insistiu na importancia de apostar pola ciencia e a investigación; “porque en Galicia hai talento e hai empresas e persoas cun gran potencial; temos unha gran capacidade técnica, temos moitas ganas e podemos aportar moitísimo”, abundou. Nesta mesma liña, Inés Rodríguez e Sofía Rodríguez resaltaron a necesidade de continuar co camiño da dixitalización, un elemento fundamental para a internacionalización.
 

Imaxes relacionadas