A conselleira do Mar visitou o centro de estabulación de marisco da lonxa da Illa de Arousa

As organizacións de produtores pesqueiros galegas dispoñen de 2,3 millóns de euros en 2020 para os seus plans de produción e comercialización ante a crise do coronavirus

A convocatoria, que sairá publicada no ‘Diario Oficial de Galicia’ nas vindeiras semanas, está incluída no plan ‘Avantemar’ para a recuperación do eido marítimo-pesqueiro ante a crise derivada da alerta sanitaria polo coronavirus

A modificación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca eleva o límite máximo de achega do 3% ao 12% do valor medio da produción das organizacións de produtores nos últimos tres anos para contribuír á súa sustentabilidade

Esta medida inclúese nas accións impulsadas por Galicia para dotar de liquidez e financiamento ao complexo mar-industria da comunidade

Ademais da liña liquidez e financiamento, ‘Avantemar’ recolle outras liñas de apoio a profesionais e empresas, de adecuación e sostemento das actividades conexas, de reorientación do sistema económico-comercial pesqueiro e de flexibilización administrativa que suman 77 millóns de orzamento en 2020

A Illa de Arousa (Pontevedra), 26 de xuño de 2020

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe o centro de estabulación de marisco instalado na lonxa da Illa de Arousa -unha infraestrutura que permite gardar e conservar o marisco ata a súa poxa- onde explicou que proxectos coma este poderán acceder aos 2,3 millóns de euros previstos na convocatoria de 2020 de achegas para os plans de produción e comercialización das organizacións de produtores pesqueiros (OPP), uns apoios cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) que foron mellorados este ano para facer fronte á crise derivada da alerta sanitaria polo coronavirus.

A titular de Mar explicou que o Diario Oficial de Galicia publicará nas vindeiras semanas a convocatoria de axudas e incidiu en que os cambios introducidos no FEMP permiten que o límite máximo de achega aos plans de produción e comercialización pase do 3% ao 12% do valor medio da produción das OPP nos últimos tres anos, o que permite ás organizacións do sector dispoñer de máis recursos para o desenvolvemento da súa actividade.

Esta medida forma parte do plan galego Avantemar para a reactivación do complexo mar-industria ante a crise do coronavirus, que inclúe cinco liñas de apoio ao sector e un orzamento para este ano de 77 millóns de euros. As achegas para as organizacións de produtores enmárcanse nas medidas para dotar de liquidez e financiamento ao sector co obxectivo de garantir a súa sustentabilidade.

O plan deseñado por Galicia para facer fronte ás consecuencias económicas da covid-19 no eido do mar pretende atender a todos os sectores e subsectores e fai especial fincapé naqueles que non se ven beneficiados polas achegas e medidas deseñadas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación ao abeiro da modificación do FEMP. Entre elas inclúense 7,3 millóns de euros de apoio aos barcos que mantiveron a súa actividade durante o estado de alarma a pesar de non ser rendible -as medidas estatais no marco do FEMP só benefician aos buques que pararon a actividade- e máis de cinco millóns de euros para os profesionais do marisqueo que non puideron acceder á prestación extraordinaria por cese de actividade habilitada polo Goberno central.

O programa Avantemar tamén inclúe medidas para outros traballadores do sector como as redeiras, cun orzamento de 400.000 euros, ou para as confrarías e entidades xestoras de lonxas polas perdas derivadas do descenso dos seus ingresos como consecuencia das menores vendas durante o confinamento, unha acción que está dotada con 600.000 euros.

A maiores da liña de liquidez e financiamento do sector, na que se enmarcan as medidas de apoio ás OPP, o plan deseñado por Galicia inclúe outras iniciativas para favorecer a dinamización e a solvencia xeral das empresas e profesionais do complexo mar-industria, para a adecuación e sostemento das actividades conexas, para a reorientación do sistema económico-comercial pesqueiro adecuándoo á situación social derivada da pandemia e para a adecuación e flexibilización administrativa. Todas elas, explicou Rosa Quintana, están a ser presentadas en detalle ao sector co obxectivo de reactivalo o antes posible e que ninguén quede atrás no camiño da recuperación poscovid-19.

Centro de estabulación

O centro de estabulación de marisco da lonxa da Illa de Arousa é unha das accións que formaron parte do plan de produción e comercialización de 2019 da Organización de Produtores Pesqueiros OPP-20 co obxectivo de poder gardar o marisco (crustáceos e cefalópodos) e conservalo coa posibilidade de poxalo dous ou tres días despois da súa captura en función dos prezos que acade.

A actuación foi executada en 2019 polo que opta ao apoio da Consellería do Mar para este tipo de proxectos, sendo subvencionable ata o 90% do seu custo total. O centro de estabulación da Illa de Arousa conta cun equipo frigorífico con varios depósitos, un sistema de bombeo, depuración e filtrado e 10 mesas de aceiro inoxidable para a selección do produto. O seu custo superou os 85.000 euros.

Imaxes relacionadas