A Xunta incide na importancia das medidas e recomendacións do plan 'Galicia, destino seguro' este verán na nosa comunidade

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou o hotel-cámping Arco Iris, na praia de Terrón de Vilanova de Arousa, acompañado polo seu alcalde, Gonzalo Durán

O Plan contempla unha batería de accións para apoiar ao sector turístico, que vai dende manuais cos requisitos e recomendacións ata un Plan de formación, así como asesoramento e financiamento en materia de seguridade sanitaria

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2020

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, indicou hoxe que a Xunta lanzou o programa Galicia, destino seguro, cunha batería de accións para apoiar ao sector turístico, que vai dende manuais por sectores cos requisitos e recomendacións ata un Plan de formación específico en prevención da covid-19 e asesoramento e financiamento en materia de seguridade sanitaria.

Alfonso Rueda visitou o hotel-cámping Arco Iris, na praia de Terrón de Vilanova de Arousa, acompañado polo seu alcalde, Gonzalo Durán, onde tamén fixo fincapé na posta en marcha do Plan de Praias polo que a Xunta colabora cos concellos para facer fronte ás dificultades adicionais xeradas polas medidas de prevención da covid-19. Vilanova de Arousa é un dos concellos que solicitou as axudas como potencial beneficiario.

Grazas a este plan de apoio os concellos van poder reforzar o persoal destinado a organización e vixilancia de accesos, ao control de aforos ou da permanencia nos areais, ademais do dedicado aos labores de limpeza. Tamén con axudas para sufragar maquinaria, vehículos, elementos de sinalización e outros medios necesarios para a limpeza tanto dos areais como das instalacións comúns ou da recollida de residuos.

Nesta liña, Alfonso Rueda indicou que os galegos contamos cun sector turístico comprometido e con valor engadido. Ademais de seguir sendo un destino moi atractivo porque temos un sector turístico dinámico, temos a mellor materia prima, as nosa paisaxes, as nosas praias, a nosa gastronomía e a nosa cultura. En definitiva, seguimos traballando e facémolo da man dos concellos, rematou o vicepresidente.

Imaxes relacionadas