A Xunta pon en marcha o terceiro bloque do Plan de recuperación social que destinará 23 M€ para a mellora e actualización de centros de servizos sociais

Feijóo explica que haberá tres tipos distintos de actuacións: pequenas actuacións de reparación e mellora, por 1,8 M€, actuacións de mediana envergadura, por 2,4 M€; e obras de rehabilitación e reforma integral dos centros, con máis de 18,6 M€

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a posta en marcha do terceiro e último bloque do Plan de recuperación social, que destinará 23 millóns de euros para a mellora e actualización de centros de servizos sociais.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo explica que dentro deste bloque inclúense tres tipos distintos de actuacións: pequenas actuacións de reparación e mellora, por 1,8 millóns de euros; actuacións de mediana envergadura, por un importe de máis de 2,4 millóns de euros; e obras de rehabilitación e reforma integral dos centros, que suman o groso deste paquete, con máis de 18,6 millóns.

“As obras menores englobarán arranxos de instalacións eléctricas, de fontanería, pintura, entre outros”, dixo, precisando que, durante as vindeiras semanas, desenvolveranse nas instalacións que acollerán campamentos xuvenís, para poder adaptalas aos novos requisitos xurdidos da situación sanitaria. Así mesmo, nos meses de verán tamén se intensificarán as obras menores nas escolas infantís e residencias de maiores.

O segundo segmento de obras agrupará actuacións nas residencias de maiores, concretamente nas de Volta do Castro (Santiago), Oleiros, Carballo e Concepción Arenal (A Coruña).

No tocante ao terceiro paquete de obras, Feijóo precisou que englobará aos centros que precisan unha reforma total ou parcial das súas instalacións, como a substitución da fachada ou da cuberta dos edificios.

Realizaranse obras no centro de discapacidade da Coruña; nas residencias de maiores Porta do Camiño (en Santiago), da Pobra do Caramiñal e de Ferrol; nos centros de menores de Ferrol e San José de Calasanz da Coruña; no centro de discapacidade de Sarria; na residencia de maiores de Burela; nas residencias de maiores dos Milagres (en Barbadás) e Castro Caldelas; no centro de menores de Montealegre, en Ourense cidade; a reforma integral da residencia de maiores de Campolongo; e na residencia xuvenil Altamar, en Vigo.

Imaxes relacionadas