Román Rodríguez convida á cidadanía a impulsar a reactivación do libro na inauguración da 46ª edición da Feira de Vigo

O conselleiro de Cultura e Turismo destaca a gran tradición literaria da cidade desde fitos como a impresión de ‘Cantares gallegos’ ao ‘boom’ da novela negra

Anima a devolverlle aos profesionais e creadores “o moito que nos deron durante o confinamento” e apoiar así a cultura

A feira abre na rúa Príncipe ata o vindeiro 4 de xullo adaptada ás circunstancias actuais, con preto de 50 autores que durante estes días asinarán exemplares

Vigo, 25 de xuño de 2020

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañado polo director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na inauguración da 46ª edición da Feira do Libro de Vigo, unha das principais citas dentro do calendario de Feiras do Libro 2020, na que convidou á cidadanía a impulsar a reactivación do sector editorial galego.

Durante o acto de apertura, o titular de Cultura e Turismo da Xunta destacou a gran tradición literaria da cidade olívica, así como a importancia que segue a ter este sector na actualidade. “O libro sempre foi un gran protagonista en Vigo desde que en 1863 se imprimiu Cantares gallegos de Rosalía de Castro ata que se impulsou o boom da novela negra, un subxénero recoñecido que na actualidade conta con milleiros de lectores”, afirmou.

A cita de Vigo adáptase ao contexto poscovid-19 ofrecendo unha actividade á altura do sector editorial galego e que, ao tempo, sexa segura para todo o mundo. A este respecto, Román Rodríguez agradeceu “o enorme esforzo, rigor e rapidez da Federación de Librarías de Galicia” e a disposición dos preto de 50 autores que asinarán exemplares na rúa Príncipe.

O conselleiro lembrou que non debemos baixar a garda e seguir actuando “con sentidiño” e tentando devolverlle aos profesionais e creadores “o moito que nos deron durante o confinamento”. “É tempo de apoiar a nosa cultura para favorecer a súa reactivación e agradecerlles o moito que nos deron nese tempo tan duro”, salientou Román Rodríguez.

A 46ª edición da Feira do Libro de Vigo, que conta co apoio da Xunta de Galicia, estará instalada ata o vindeiro 4 de xullo na rúa Príncipe, onde contarán cun espazo propio as librarías Librouro, Cortizas, Nobel Gran Vía, Pedreira, Hobbit, A Gata Tola, así como o Centro de Documentación Feminista de Vigo e a Biblioteca Neira Vilas.

Nove paradas

O calendario das Feiras do Libro 2020, que contan cunha liña de actuación permanente desenvolvida pola Consellería de Cultura e Turismo en colaboración coa Federación de Librarías de Galicia, está composto por nove paradas. As seguintes serán Ponteareas, do 9 ao 12 de xullo; Redondela, do 16 ao 19, e Rianxo, do 23 ao 26.

Imaxes relacionadas