A Xunta salienta a capacidade da MITEU para fomentar a cultura en Ourense ao longo dos últimos 25 anos

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación desta cita que este ano se celebra con 15 espectáculos

A mostra inaugurarase o xoves 2 de xullo coa función ‘Electra e un enxame de moscas’ e rematará o mércores 15 con ‘Quince minutos’ e ‘Imperator’

Todas as representacións terán lugar no Teatro Principal, agás tres que se farán na praza da Biblioteca con entrada gratuíta e capacidade limitada

Ourense, 25 de xuño de 2020

O director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da vixésimo quinta edición da Mostra de Teatro Universitario (MITEU) de Ourense, unha cita que este ano se inaugura o vindeiro xoves 2 de xullo e que contará con máis de 15 espectáculos teatrais que se concentrarán, na súa meirande parte, no Teatro Principal.

Durante o acto de presentación, o representante autonómico salientou a capacidade da mostra para fomentar a cultura na cidade das Burgas, especialmente nun contexto como o actual no que o coronavirus obrigou a paralizar todos os espectáculos durante máis de dous meses. Nesta liña, Anxo M. Lorenzo lembrou o apoio e compromiso da Consellería de Cultura e Turismo coa cultura e con Ourense e destacou que durante preto de 15 días a cidade se converterá nun lugar de encontro para intérpretes, directores e artistas chegados de diferentes lugares do mundo.

Así, tal e como se avanzou na rolda de prensa, participarán na edición deste ano compañías universitarias e profesionais de Galicia, do resto de España e do exterior que ofrecerán máis de 15 representacións de diversos xéneros e estilos no Teatro Principal. Ademais, tamén haberá funcións de acceso libre, aínda que con capacidade limitada, na praza da Biblioteca, un espazo novo dentro desta actividade que foi habilitado a finais do pasado ano coincidindo coa inauguración da biblioteca e que supón un novo recinto cultural na cidade. Concretamente, a MITEU deste ano contará con espectáculos de teatro universitario galego, portugués e de diferentes comunidades autónomas do resto do Estado, xunto con invitados de Guinea Ecuatorial, Italia e Arxentina.

Os encargados de abrir a programación serán os grupos Rosaura e Cordelia, da Aula Universitaria de Ourense, que o xoves 2 de xullo, ás 21,00 horas, representarán a obra Electra e un enxame de moscas no Teatro Principal. Como peche do programa, o mércores 15 clausurarase a mostra coas obras Quince minutos e Imperator, que correrán a cargo de Mónica Sueiro e a compañía Maricastaña, respectivamente.

Todas as funcións incluídas na edición deste ano terán un prezo simbólico de entre tres e oito euros, agás as tres que celebrarán na praza da Biblioteca cuxo acceso será gratuíto.Os billetes poderán ser retirados no propio teatro dúas horas antes de cada función.