A conselleira do Mar participou por videoconferencia no acto de clausura das XXVII Xornadas Técnicas de Expomar

Rosa Quintana agradece o esforzo do sector pesqueiro lucense na crise do coronavirus pois aportou o 30% das descargas de produtos do mar en Galicia

A titular de Mar salienta que os portos da Mariña foron fundamentais no subministro de produtos de calidade á cidadanía co desembarque de arredor de 12.500 toneladas de peixe e marisco desde o inicio do estado de alarma

O Executivo galego defende a necesidade de que ninguén quede atrás na recuperación trala pandemia e destaca o plan galego de reactivación do sector, con 77 millóns de euros para aportar liquidez e solvencia á cadea mar-industria

A conselleira do Mar alerta dos riscos que implica o brexit para a frota lucense e apela a que o sector pesqueiro europeo manteña a unidade para que siga sendo unha prioridade na negociación co Reino Unido
 

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2020

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe por videoconferencia no acto de clausura das XXVII Xornadas Técnicas de Expomar, na que aproveitou para agradecer o esforzo realizado polo sector pesqueiro de Lugo durante a crise do coronavirus pois aportou o 30% dos produtos do mar movidos en Galicia. A titular de Mar salientou o importante rol desenvolvido polos portos da Mariña lucense desde o inicio do estado de alarma, coa descarga de arredor de 12.500 toneladas de peixe e marisco e a facturación duns 27 millóns de euros, o que demostra a súa implicación no obxectivo de subministrar alimentos de calidade á cidadanía.

A representante da Xunta incidiu durante a celebración deste evento -titulado A pesca, un sector esencial; e agora que?- na necesidade de recoñecer o papel que desenvolveu o sector pesqueiro galego para manter a actividade a pesar da pandemia e o importante esforzo realizado para cumprir coas medidas de prevención ditadas polas autoridades sanitarias, como a suspensión das poxas presenciais.

Nesta liña, Rosa Quintana apelou ao traballo conxunto entre sector, administracións e consumidores co obxectivo de impulsar a demanda e os prezos dos produtos pesqueiros, así como a rendibilidade da cadea mar-industria, para facer fronte ás dificultades vencelladas ao descenso das vendas e da facturación do sector durante o estado de alarma polo peche da hostalería, a principal canle de saída de produtos como os do marisqueo.

Esta colaboración e traballo conxunto, subliñou a titular de Mar, é fundamental para que ninguén quede atrás no camiño da recuperación e que o sector volva á situación previa á pandemia o antes posible. Con ese obxectivo, Galicia puxo en marcha o plan Avantemar, que prevé unha inxección global de 77 millóns de euros en 2020 para a reactivación e dinamización do complexo mar-industria da comunidade.

O programa de apoios para o eido marítimo-pesqueiro pretende aportar liquidez e solvencia ás empresas do sector para garantir a súa sustentabilidade e competitividade ante a crise da covid-19 e atender especialmente a aqueles profesionais que non se ven beneficiados polas medidas deseñadas polo Goberno central ao abeiro da modificación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) para atallar as consecuencias da pandemia.

Neste sentido, a conselleira do Mar destacou as liñas de apoios previstas para os barcos que mantiveron a súa actividade durante o estado de alarma, así como para as confrarías e entidades xestoras das lonxas, que suman preto de oito millóns de euros de fondos propios da comunidade e que pretenden compensar o sacrificio realizado para manter a actividade e abastecer de produtos do mar á sociedade a pesar de que moitas veces non era rendible.

O brexit

A representante do Executivo galego tamén analizou outro dos principais retos de futuro para a frota da Mariña lucense, a consecución da saída do Reino Unido da Unión Europea e a negociación do futuro acordo pesqueiro entre as partes. Rosa Quintana lembrou que a pesca nesta zona costeira de Galicia move máis de 450 millóns de euros e que xera arredor de 1.500 empregos directos, polo que o brexit pode supoñer un importante risco para os portos de Lugo pois concentran arredor da metade da frota española e dos dereitos de pesca en augas de Gran Sol.

Por iso, agradeceu o traballo conxunto da frota europea na defensa dos seus intereses ante este proceso, canalizado a través da Alianza Pesqueira Europea (EUFA), e animou a seguir unidos na liña que marca a segunda declaración de Santiago en defensa das comunidades europeas de pesca despois do brexit. O documento, que foi asinado a semana pasada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ante a incerteza actual das negociacións, ten como finalidade que o complexo mar-industria siga sendo considerado prioritario nos contactos entre as partes.

A conselleira do Mar tamén agradeceu á Fundación Expomar, organizadora das xornadas técnicas, a súa decisión de aprazar a súa celebración -que estaba prevista para o 28 de maio en Burela- e que descartase cancelalas posto que o encontro é xa un dos foros de debate pesqueiro máis importantes de España. De feito, este ano as xornadas chegan á súa vixésimo sétima edición e esta é a primeira vez que se celebran de xeito telemático como consecuencia das medidas sanitarias pola crise do coronavirus.

Xornadas Técnicas Expomar Burela

As xornadas técnicas celebrábanse tradicionalmente de xeito paralelo á Feira Expomar, pero co tempo adquiriron personalidade propia e diferenciada, polo que pasaron de celebrarse cada dous anos, canda a feira, a facerse anualmente. Este encontro aborda todos os anos os temas de maior actualidade e controversia do sector co obxectivo de atopar solucións.

Na edición deste ano os principais asuntos abordados son a crise derivada da covid-19 e o brexit, que serán clave para o futuro inmediato do sector. Por iso, a titular de Mar salientou a importancia de foros coma este para analizar os retos no eido marítimo-pesqueiro e grazas aos que o sector soubo readaptarse e saír cara adiante a pesar das dificultades.
 

Imaxes relacionadas