A Xunta e a Asociación Alborada coinciden en apostar por programas formativos para mellorar a inserción laboral dos colectivos máis vulnerables

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, reuniuse esta mañá mediante videoconferencia cos responsables do Programa Integrado de Emprego (PIE) da Asociación Cidadá de Loita contra a Droga Alborada (Vigo), centrada en facilitar a empregabilidade dos grupos en risco de exclusión social

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2020

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, reuniuse esta mañá mediante videoconferencia cos responsables do Programa Integrado de Emprego (PIE) da Asociación Cidadá de Loita contra a Droga Alborada (Vigo), un colectivo centrado en facilitar a inserción laboral dos grupos en risco de exclusión social.

Durante o encontro, Casal remarcou o valor que a educación e os programas formativos reverten como resposta ás necesidades laborais xeradas no novo escenario económico poscovid-19. Unha formación que, segundo Casal, debe servir non só para mellorar a empregabilidade dos colectivos máis vulnerables, senón tamén para potenciar o tecido empresarial ao que se dirixen, reforzando o seu modelo produtivo e renovando as súas dinámicas.

A este respecto, o titular de Orientación e Promoción Laboral subliñou a importancia que cobran as competencias en materia dixital, en especial no tratamento de redes sociais e deseño web, á hora de singularizar o produto. Segundo concretou, a recuperación económica e laboral pasa por ofrecer unha formación dixital que permita contar con profesionais máis cualificados, respondendo ás demandas dos novos mercados laborais.

Casal sinalou que a vontade da Xunta é a finalización práctica do curso, despois de que este se tivese que adaptar a un formato en liña durante a vixencia do estado de alarma. O obxectivo é a reactivación física do programa o vindeiro 1 de xullo, ofrecendo as garantías de sanidade estipuladas que permitan reanudar as clases con seguridade.

O PIE da Asociación Alborada conta con 100 participantes procedentes de Vigo, todos eles pertencentes a colectivos vulnerables e en risco de exclusión social. O alumnado recibe formación técnica para optimizar as súas competencias laborais, incluíndo aprendizaxe en novas tecnoloxías e idiomas. Ademais, teñen á súa disposición servizos de asesoramento profesional e de coaching motivacional, contando así mesmo coa posibilidade de realizar prácticas en empresas de distintos sectores.

Formación transversal

Casal tamén se reuniu esta mañá de xeito telemático con representantes do programa formativo da Fundación Amigos de Galicia, no que insistiu no compromiso público por un modelo educativo transversal, que contemple tanto o novo horizonte sociolaboral como as formas de comunicación entre os distintos axentes produtivos. Un modelo, sinalou o director, que aposte por reforzar a dixitalización do tecido empresarial, fomentando inserción laboral especializada para contribuír á reactivación económica.