A Xunta executa traballos de conservación e limpeza nos treitos interurbanos de varios ríos do concello de Ferrol

Os traballos desenvólvense en distintos tramos do río San Antonio e da Sardiña ao longo de 1,5 quilómetros, nos lugares de Santo Antonio, A Cabana, Aneiros e Bosque

A intervención forma parte das actuacións de mantemento que vén realizando Augas de Galicia nas áreas con risco potencial de inundacións

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos
 

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a desenvolver traballos de conservación e limpeza nos treitos interurbanos dos ríos San Antonio e da Sardiña ao seu paso polo concello de Ferrol.

Estas tarefas estanse a desenvolver nun tramo de 1,5 quilómetros de lonxitude, que coincide co percorrido destes ríos polos lugares de Santo Antonio, A Cabana, Aneiros e Bosque, nas parroquias de Doniños (San Román), A Cabana (Santo Antonio) e Serantes (San Salvador).

As tarefas forman parte das intervencións de Augas de Galicia nas áreas con risco potencial significativo de inundación (ARPSI).

As actuacións céntranse na retirada da canle de árbores, pólas, madeira morta e elementos susceptibles de causar atoamentos, así como roza mínima no ancho da canle en tramos pechados pola maleza. Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos e regos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Estas accións enmárcanse no programa de mantemento, conservación e mellora que realiza Augas de Galicia no dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-Norte.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.
 

Imaxes relacionadas