A Xunta reclama ao Goberno que fixe un prezo eléctrico competitivo a curto prazo para evitar os despedimentos en Alcoa San Cibrao

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, que participou esta tarde na mesa industrial de Alcoa San Cibrao, asegura que os contratos bilaterais promovidos polo Goberno non impiden o peche da planta xa que os seus efectos comezarían a notarse a medio e longo prazo

Insiste na necesidade de que se publique no BOE a convocatoria da poxa de interrompebilidade para o segundo semestre, se concreten as compensacións por emisións de CO2 e se aprobe o estatuto prometido hai máis de ano e medio

Mentres se busca unha solución que garanta o mantemento dos postos de traballo, a Xunta solicita a Alcoa que paralice o ERE e ao Goberno que non peche a mesa industrial
 

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta tarde na mesa industrial de Alcoa San Cibrao, na que reiterou que para evitar o despedimento de 534 traballadores da planta –ademais dos empregos indirectos afectados– é preciso que o Goberno ofreza a curto prazo un prezo eléctrico competitivo.

Tras a reunión, Conde incidiu en que as medidas adoptadas polo Goberno son insuficientes e explicou que os contratos bilaterais non impide o peche da planta de aluminio de Alcoa San Cibrao, xa que os seus efectos empezarían a notarse a medio e longo prazo. Por iso, volveu solicitar que se publique no BOE a convocatoria da poxa de interrompebilidade para o segundo semestre; que se concreten as compensacións por emisións de CO2 ata o máximo permitido pola Unión Europea; así como que se aprobe un estatuto –prometido polo Goberno central hai máis de ano e medio– no que se concrete un marco eléctrico competitivo para a industria electrointensiva, atendendo ás alegacións presentadas por Asturias, Cantabria e Galicia e polo propio comité de empresa de Alcoa San Cibrao.

Do mesmo xeito, o conselleiro, que solicitou á empresa que paralice o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) mentres se busca unha solución, sinalou ao mesmo tempo que o Goberno debe reaccionar e poñer sobre a mesa medidas que garantan un prezo eléctrico competitivo para a planta de San Cibrao a curto, medio e longo prazo. Neste sentido, reclamou ao Goberno que non peche a mesa industrial ata garantir o mantemento dos empregos.

O conselleiro lembrou a proposta realizada pola Xunta de destinar á electrointensividade unha parte dos fondos europeos que Galicia poida recibir polos plans de industrialización das empresas que desenvolven servizos esenciais, así como un préstamo participativo para completar a modernización da empresa e garantir a súa produción durante as próximas décadas.

 

O titular de Economía, Emprego e Industria sinalou que “a Administración autonómica lle trasladou ao Goberno o seu compromiso de traballar conxuntamente cos ministerios de Industria e Transición Ecolóxica nun plan industrial”.
 

Imaxes relacionadas