A Xunta informa ao Pleno da Comisión Galega de Artesanía das novas axudas dirixidas a dinamizar o sector

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, participou no encontro no que se sinalou que se van poñer en marcha novas iniciativas no ámbito da comercialización e da formación

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2020

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e a xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, trasladaron esta mañá ao Pleno da Artesanía de Galicia as actuacións previstas para promocionar e dinamizar o sector de cara a acadar un mellor posicionamento no mercado e adaptarse ás actuais circunstancias socioeconómicas.

Na reunión celebrada hoxe en Santiago de Compostela expuxéronse as novas liñas de axudas dirixidas ao sector artesán que se van poñer en marcha por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria. No marco destas actuacións, a través da Fundación Pública Artesanía de Galicia, está prevista a convocatoria de novos cursos formativos que melloren a profesionalización dos artesáns no que se refire ao uso de novas ferramentas dixitais e de xestión demandadas polo sector.

O Pleno da Comisión Galega de Artesanía está integrado por membros da Administración autonómica así como por representantes designados polas asociacións profesionais de artesanía e representantes elixidos entre os artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

Imaxes relacionadas