A Xunta formaliza a entrega ao concello o novo auditorio de Lugo, que se converterá no novo referente cultural

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda fixo entrega esta mañá das chaves e da documentación deste edificio, que agora pasa a formar parte do patrimonio edificatorio público dos cidadáns de Lugo

A infraestrutura ten preto de 20.000 m2, que se distribúen en distintas salas: a principal, con capacidade para 900 espectadores, e unha destinada á celebración de conferencias e concertos, con capacidade para 300 persoas, así como lugares para actividades teatrais, escola de música e mediateca, entre outros equipamentos

As obras desta infraestrutura do século XXI, que implicaron un orzamento global de case 25 millóns de euros, remataron en 2014 e en setembro de 2019 concluíse a instalación do equipamento
 

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2020-

A Xunta de Galicia formalizou esta mañá a entrega ao Concello de Lugo do novo auditorio da cidade, unha infraestrutura que se converterá no novo referente cultural non só da Cidade, senón tamén da provincia lucense.

Persoal da Delegación Territorial de Lugo fixo entrega das chaves e da documentación deste edificio, que agora pasa a formar parte do patrimonio edificatorio público dos cidadáns de Lugo. O novo Auditorio é unha infraestrutura propia do século XXI que será unha cita obrigada para todos os creadores non só da provincia, senón de Galicia e que de seguro atraerá a todos os galegos.

A infraestrutura ten preto de 20.000 m2, que se distribúen en distintas salas: a principal, con capacidade para 900 espectadores, e unha destinada á celebración de conferencias e concertos, con capacidade para 300 persoas, así como lugares para actividades teatrais, escola de música e mediateca, entre outros equipamentos.

No que se refire á organización funcional destas instalacións, constan os seguintes niveis:
• Nivel -1: alberga o aparcadoiro con 153 prazas.

• Nivel 0: a cota inferior da Avenida Magoi e con acceso directo dende ela, nel sitúanse a área de exposicións e congresos, control e seguridade e acceso principal ao aparcadoiro.

• Nivel 1: a cota superior da avenida, na que se sitúan os escenarios das dúas salas con acceso directo a cota para carga no escenario principal e camerinos da sala menor. A área administrativa sitúase neste nivel.

• Nivel 2: a cota do xardín, acolle o acceso directo ás salas, acceso ao área de congresos e un acceso independente á cafetería a través do miradoiro. Neste nivel o vestíbulo lineal convértese nun miradoiro continuo coa dobre transparencia cara ao xardín e cara á Avenida.

• Nivel 3: nesta planta sitúase o restaurante e área restrinxida así como os lucernarios e dobres alturas do vestíbulo. A área de congresos desenvólvese neste nivel e localizadamente nos niveis 3 e 4.

A versatilidade dos espazos permite a utilización independente e simultánea dos mesmos de forma natural. A cafetería e restaurante organízanse en dous niveis e teñen un posible acceso independente a través do xardín ademais da conexión co vestíbulo no nivel 2. Dispón dunha terraza miradoiro exterior e no nivel 3 a área de uso restrinxido pódese vincular ao restaurante.

En relación ás salas, cabe sinalar que se apoian na ladeira e os seus chanzos continúan o perfil natural do terreo. O uso da luz natural é obrigado en gran parte dos usos previstos e propóñense fiestras horizontais rasantes, con sistema de escurecemento, abertas á nacente cara á ladeira axardinada, buscando a integración dos actos e representacións na natureza xeométrica.

As prazas, todas elas con visión frontal, dispóñense nun único plano tallado sobre a topografía. As salas organízanse en dous volumes distintos, un para a sala principal e outro volume menor para a segunda sala. Os espazos internos de apoio ás salas como camerinos ou vestiarios sitúanse no nivel 0 e os seus escenarios no nivel 1 con circulacións internas claras e directas. A sala menor ten así mesmo camerinos a nivel de escena.

O acceso de público e vestíbulo prodúcense no nivel 2 co que se logra esa situación óptima para salas de música e teatro de acceder a medio nivel ao chanzo descendendo cara á escena. A sala principal proxéctase con acabado de madeira de eucalipto e a sala menor, en madeira clara de Mongoy. As paredes de paneis de madeira fonoabsorbente para as distintas frecuencias, o fondo luminoso das cabinas técnicas e o pavimento claro ou escuro en madeira, segundo a sala, configuran o seu aspecto final.

As obras do Auditorio de Lugo executáronse ao abeiro dun convenio entre a Xunta de Galicia e o Concello de Lugo, dentro do Plan hUrbe -posto en marcha pola Administración Autonómica- e remataron no ano 2016. A continuación, a Xunta decidiu asumir a dotación para instalar o equipamento escénico necesario para garantir o seu funcionamento quedou completamente instalada durante o primeiro semestre de 2019, a pesar de que no convenio non recollía dita obriga por parte da Xunta. O Auditorio de Lugo é, por tanto, a actuación máis importante das executadas ao abeiro do do Plan hUrbe, non só polas súas dimensións senón tamén polo importe mobilizado, que ascende a case 25 millóns de euros.