A Xunta asina coa Asociación de Celíacos de Galicia un convenio para lanzar o programa ‘A restauración galega sen glute’

A Administración autonómica investirá 48.000 euros, que permitirá aos establecementos acceder á formación e certificación de xeito gratuíto, aforrando os 50 euros que debían aboar ata agora

Distinguirase cun selo, avalado polo Goberno galego, a aqueles establecementos de referencia na xestión de alérxenos

Os locais con este distintivo contarán con formación sobre como elaborar un menú sen glute, realizaránselles mostras regulares dos seus produtos, terán asesoramento sobre provedores e faránselles auditorías para coñecer as necesidades dos hostaleiros
 

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, asinou coa Asociación de Celíacos de Galicia (Acega) o convenio para lanzar o programa A restauración galega sen glute, mediante o que se formará en celiaquía a 400 locais de hostalería de Galicia.

O obxectivo principal deste acordo é a mellora da calidade de vida das 3000 persoas diagnosticadas con esta intolerancia na nosa comunidade. Así mesmo, procura eliminar os obstáculos cos que estas persoas se atopan no día a día fóra das súas casas. Para iso, busca crear unha listaxe de establecementos nos que poder consumir os seus produtos con seguridade e elaborados por profesionais formados na materia.

A Xunta investirá neste programa 48.000 euros, que permitirá que os establecementos de hostalería poidan acceder a esta formación e certificación de xeito gratuíto, aforrando os 50 euros que debían aboar ata agora.

No marco deste acordo, hoxe Fabiola García visitou o restaurante compostelán A Curtidoría, que formará parte desta iniciativa. Alí explicou que a través deste programa distinguirase cun selo a aqueles establecementos de referencia na xestión de alérxenos.

Os locais con este distintivo, avalado polo Goberno galego, certificarán que cursaron unha formación sobre como elaborar un menú sen glute; se lle realizarán mostras e analíticas do menú cada seis meses; contarán con asesoramento técnico e información sobre provedores; e anualmente recibirán unha auditoría ou inspección no local para coñecer as necesidades do hostaleiro e valorar se necesita renovar a formación.

A conselleira de Política Social agradeceu o enorme labor pedagóxico desenvolvido por entidades como a Asociación de Celíacos de Galicia e tamén o compromiso dos hostaleiros, que permite avanzar na concienciación da sociedade galega e española sobre a celiaquía.

 

Imaxes relacionadas