Gardacostas requisa preto de 10.000 metros de artes de enmalle, case 500 nasas e máis de 330 quilos de distintas especies de peixe e marisco

Os axentes do organismo dependente de Consellería do Mar incautáronse de máis de 6.700 metros de artes de enmalle nunha importante actuación na ría de Camariñas, na que tamén comisaron 70 quilos de distintas especies

Os operativos desenvolvidos nos últimos días na ría de Arousa permitiron requisar preto de 450 nasas e máis de 80 quilos de produtos do mar

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2020

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, requisaron preto de 10.000 metros de artes de enmalle, case 500 nasas para a captura de diferentes especies e máis de 330 quilos de distintos produtos do mar en controis realizados nos últimos días no litoral de Galicia.

A ría de Arousa foi a zona que rexistrou máis incautacións, con preto de 450 nasas para a captura de distintas especies, e algo máis de 80 quilos de peixe e marisco comisado. Na maioría dos casos tratouse de artes sen identificar, polo que as especies que estaban no seu interior foron devoltas ao mar.

A ría de Camariñas tamén foi escenario dunha importante actuación dos axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia na que se incautaron de máis de 6.700 metros de artes de enmalle e requisaron máis de 70 quilos de distintas especies. Os efectivos do organismo dependente da Consellería do Mar tamén realizaron varios operativos na ría de Muros e Noia que se saldaron coa incautación de máis de 2.200 metros de artes de enmalle, 21 nasas e 22 quilos de peixe e marisco. Os aparellos estaban sen identificar, polo que os exemplares atopados foron devoltos ao seu hábitat natural.

A maiores, na provincia de Pontevedra os axentes realizaron diferentes controis. Na ría de Pontevedra incautáronse de 450 metros de artes de enmalle e máis de 90 quilos de produtos do mar, mentres que na ría de Vigo requisaron 10 nasas sen identificar e 34 quilos de peixes e mariscos que foron devoltos ao mar.

A Consellería do Mar lembra á cidadanía que o consumo de produtos do mar extraídos e comercializados de xeito irregular pode supor un risco para a saúde ao non ter pasado ningún tipo de control que o avale. Por iso, pide aos consumidores que non merquen produto fóra das canles legais de comercialización.

Imaxes relacionadas