A Xunta pide ao Goberno que se una aos traballadores e ao executivo autonómico para lograr que Endesa se comprometa a manter os empregos na central das Pontes

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe na mesa industrial das Pontes

Lamenta que non haxa unha solución para as 750 familias que dependen da planta, para a industria enerxética e para as comarcas afectadas

Solicita que se conte coas comunidades autónomas para identificar alternativas nos territorios afectados
 

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe na mesa industrial das Pontes, onde asegurou que é necesario que o Goberno de España se una aos traballadores e ao executivo autonómico para lograr que Endesa se comprometa a manter os empregos e a dar unha alternativa á central das Pontes a través de biocombustibles.

Conde lamentou a falta de avances tras a última reunión no mes de marzo na que se pedira un plan de acompañamento para que Endesa reactivara a planta mentres se buscaban combustibles alternativos e lembrou que as CCAA afectadas foron excluídas do convenio coas centrais térmicas e os sindicatos para unha transición xusta das centrais térmicas: “Para buscar e identificar alternativas ten que contar coa Comunidade autónoma” asegurou Conde quen hoxe constatou a falta de interese tanto da empresa como do Goberno: “Galicia seguirá participando nestas mesas buscando alternativas e achegando propostas”.

Neste sentido, a Xunta considera necesario que se presenten os resultados das probas con biocombustibles para poder analizar a viabilidade da planta e que artelle algunha solución para os transportistas e traballadores da industria auxiliar, ademais das medidas que se veñen pedindo desde o principio como a eliminación do céntimo verde para o carbón e máis fondos da Unión Europea.

Conde rematou asegurando que o único escenario que contempla a Xunta e os traballadores é manter operativa a planta e os empregos e lamentou que, polo de agora, non exista unha solución para as 750 familias que dependen da planta, para a industria enerxética e para as comarcas afectadas. Tamén se referiu á necesidade de poñer á disposición dos transportistas os instrumentos que lles permitan acceder ao financiamento que precisan.
 

Imaxes relacionadas