A Xunta remata a nova senda peonil e ciclista na estrada AC-429, que conecta a praia de Laxe e o paseo marítimo

Trátase dun itinerario de preto de 800 metros que une a zona deportiva, educativa e de lecer de Cabo da Area, centro de equipamentos do municipio, coa propia vila

A senda consta de dous treitos, comezando o itinerario principal polo extremo da praia pola marxe dereita desta vía ata a vila

O segundo tramo desenvólvese paralelo ao Rego dos Cabalos que conecta co paseo marítimo e carril bici

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de rematar as obras dunha senda peonil e ciclista na estrada AC-429, que conecta a praia de Laxe e o paseo marítimo.

Os traballos foron adxudicados á empresa Construcciones Ramón Vazquez y Reino S.L. por importe de preto de 225.000 euros.

Este novo itinerario de preto de 800 metros une a zona deportiva, educativa e de lecer de Cabo da Area, centro de equipamentos do municipio, coa propia vila de Laxe.

O proxecto recolle dous treitos de senda, un principal, que se inicia no extremo da praia de Laxe e continúa pola marxe dereita da estrada ata a entrada da vila, onde conecta coas beirarrúas existentes.

O segundo tramo de senda conecta este itinerario principal co paseo marítimo e co carril bici existente, que discorre paralelo ao Rego dos Cabalos, por ambos os lados.

Trátase dunha senda diferenciada para peóns e ciclistas, en formigón coloreado, para que sexa máis facilmente visible e identificable polos condutores.

Esta actuación forma parte do Plan de Sendas da Xunta para a comarca de Bergantiños, cofinanciadas con Fondos FEDER 2014/2020, e que recolle preto de 11 km de itinerarios peonís e ciclistas.

Imaxes relacionadas