Constituído o comité científico encargado de avaliar a acreditación dos campus para a súa especialización estratéxica

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, presidiu a xuntanza co equipo avaliador, constituído por sete expertos externos especialistas en estratexia universitaria

Trátase dun procedemento único no conxunto do Estado, que busca impulsar a investigación, mellorar a docencia e definir a estratexia de futuro dos campus vinculada á súa contorna socioeconómica
 

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2020

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de constituír hoxe o Comité Científico encargado de avaliar o proceso de acreditación dos Campus de Especialización, nunha xuntanza telemática que presidiu a conselleira Carmen Pomar.

Este comité, composto por sete avaliadores externos de recoñecida traxectoria no ámbito da estratexia universitaria e alleos ao Sistema Universitario Galego, iniciarán agora o traballo de análise e supervisión das propostas ás que teñen que someterse as Universidades.

Segundo subliñou a conselleira Pomar, “é un procedemento único no conxunto do Estado” co que se busca mellorar a dinámica de funcionamento futuro dos Campus de Especialización, impulsar o labor de investigación e mellorar a calidade da docencia. “Trátase de poñer en valor os campus, dotándoos dunha identidade propia e en estreita relación co potencial económico e as necesidades da súa contorna máis próxima”, especificou.

O comité está integrado por Clara Eugenia García, conselleira de Ciencia e Innovación e representante permanente de España ante a UE; José García Montalvo, Catedrático de Economía da Universidade Pompeu Fabra, comisionado para a Estratexia Científica e investigador ICREA-Academia; Francisco Gracia, catedrático de Bioloxía Celular da Universidade de Córdoba; Victoria Ley Vega de Seoane, doutora en Bioquímia e Bioloxía Molecular, e responsable da división de Avaliación, Coordinación e Seguimento Científico e Técnico da Axencia Estatal de Investigación (AEI); Juan Ignacio Pérez, catedrático de Fisioloxía na Universidade do País Vasco e director da Cátedra de Cultura Científica desta Universidade; Enric Banda i Tarradellas, director da área de Ciencia, Investigación e Medio Ambiente da Fundación “La Caixa”; e Salvador Carmona, reitor da IE University.

Apoio económico

A acreditación é un proceso aberto no tempo ao que cada universidade se pode presentar cando considere oportuno e que culminará coa sinatura dun convenio economicamente dotado en función da proposta que faga a propia universidade así como do informe dos expertos que participan no proceso.

O “Programa de Especialización dos Campus do SUG” foi lanzado no ano 2013 co obxectivo de promover a especialización e diferenciación dos campus a través da colaboración estratéxica e do aproveitamento das potencialidades económicas das contornas máis próximas.

Este Programa permitiu o desenvolvemento de 8 proxectos con distintos graos de evolución que foron os Campus Industrial (Ferrol), Campus Innova e Campus da Sustentabilidade (A Coruña), todos eles da Universidade da Coruña (UDC); o Campus Terra (Lugo) e o da Cidadanía (Santiago), da Universidade de Santiago de Compostela (USC); e o Vigo Tecnolóxico (Vigo), o Campus Auga (Ourense) e o Campus Crea (Pontevedra), todos eles na Universidade de Vigo (UVigo).

Procedemento

Logo de superada a fase inicial de deseño e posta en marcha dos mencionados campus de especialización, e de abrir o proceso de acreditación no que deben participar todos os campus, o Comité de Avaliación que hoxe quedou constituído será agora o encargado de analizar a documentación remitida polas universidades, manter reunións directas cos responsables dos Campus e elaborar os informes de avaliación correspondentes.

En función de ditos informes a Consellería de Educación -a través da Secretaría Xeral de Universidades- resolverá a concesión da acreditación coa cualificación obtida que poderá ser ben para o período 2019-2022, ben para o período 2019-2021 suxeito a obriga de presentar un informe de progreso intermedio sobre o avance do plan operativo; ou ben que non supera o proceso de acreditación.

Para someterse a acreditación cada Universidade deberá achegar documentación específica sobre cada Campus de Excelencia onde se identifique, entre outros, liñas de especialización no ámbito da docencia (relación de títulos de grao, mestrado e doutoramento vencellados directamente a esa especialización), de investigación (relación das estruturas de investigación como grupos, institutos, centros de investigación e outras estruturas supragrupais), ou alianzas estratéxicas con empresas e institucións.

Así mesmo deberán presentar un informe de autoavaliación (que inclúa indicadores sobre organización e gobernanza, estratexia, docencia, investigación, interacción co tecido produtivo e información pública e transparencia), un plan operativo e un plan de viabilidade económica para o período 2019-2022.

 

Imaxes relacionadas