A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, acompañada do presidente da CEP, Jorge Cebreiros, presentou ante a xunta directiva da entidade o Estudo sobre o custo-beneficio da Saída Sur ferroviaria de Vigo

A Xunta aborda cos empresarios de Pontevedra o estudo que acredita que a Saída Sur de Vigo aumentaría un 6% a actividade do porto e xeraría 528 millóns de euros

O estudo determina que o proxecto é sostible desde o punto de vista económico e rendible desde o punto de vista social, cun forte impacto sobre o emprego e o PIB da cidade, tanto na súa fase de construción como durante a explotación

A actuación, cun novo trazado de algo máis de 15 quilómetros que unirá Vigo coa zona do Porriño e a súa conexión coa terminal portuaria de Bouzas a través dun ramal de 5 quilómetros, suporá un investimento de arredor de 496 millóns de euros

Dará continuidade ao Eixe Atlántico cara a Portugal e a Meseta desde a estación de Urzaiz, eliminando transbordos, acurtando percorridos e tempos de viaxe e multiplicando o potencial do porto

Suporá reducións dun 15% no tempo de viaxe entre Vigo e Porto, do 40% entre Santiago e Porto e do 20% entre Vigo e Ourense, cun incremento da demanda de viaxeiros en tren, que se verá multiplicada por 8

O enlace de Bouzas será determinante para atraer novos tráficos de carga e descarga de vehículos cun incremento de 240.000 toneladas ao ano, un 6% máis

As emisións asociadas ao transporte de mercadorías veríanse reducidas nun 80%, evitándose máis de 300.000 toneladas de CO² á atmosfera

A infraestrutura acadaría un índice de rendibilidade do 9,73%, case o dobre do requirido para proxectos deste tipo polo ADIF

A Xunta trasladará ao Goberno de España, responsable da súa execución, este estudo para que aproveite a oportunidade que ofrece o Mecanismo Conectar Europa para modernizar a rede ferroviaria de mercadorías do noroeste peninsular

Vigo, 22 de xuño de 2020

A Xunta de Galicia abordou hoxe coa xunta directiva da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), o estudo que acredita a rendibilidade social e económica da Saída Sur de Vigo, unha infraestrutura estratéxica para a competitividade da cidade, para o porto, para o sur da provincia e, por extensión, para toda Galicia, xa que permitirá incrementar un 6% a actividade da terminal portuaria de Bouzas e xerar 528 millóns de euros.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, acompañada do presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), Jorge Cebreiros, presentou esta mañá o Estudo sobre o custo beneficio da Saída Sur ferroviaria de Vigo ante a xunta directiva da entidade, que tiña amosado o seu interese en coñecer, polo miúdo, a análise encargada pola Xunta.

No acto tamén participaron o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López Veiga, o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, e o catedrático de ferrocarrís Miguel Rodríguez Bugarín que, xunto con José Calvo Caneiro, da enxeñería IDOM, foron os encargados de explicar os detalles técnicos da actuación.

A Xunta e os empresarios de Pontevedra coincidiron en destacar que a Saída Sur, a través dun novo trazado de algo máis de 15 quilómetros que unirá Vigo coa zona do Porriño, e a súa conexión coa terminal portuaria de Bouzas cun novo ramal de 5 quilómetros, é unha actuación estratéxica e con maior proxección loxística xa que: supón apuntalar a Eurorrexión, dándolle continuidade ao Eixe Atlántico de forma directa cara a Portugal e cara á Meseta desde a estación de Urzaiz, como terminal central, intermodal e pasante; e permitirá eliminar transbordos, acurtar percorridos e tempos de viaxe e multiplicar o potencial do porto.

O Estudo custo beneficio realizado pola Xunta determina que o proxecto da Saída Sur e a conexión coa terminal de Bouzas, que suporá un investimento de arredor de 496 millóns de euros, é sostible desde o punto de vista económico e rendible desde o punto social, e terá un forte impacto sobre o emprego e sobre o PIB, tanto durante a súa fase de construción como durante a explotación.

Concretamente, o impacto na fase de construción estímase en 660 millóns de euros, de xeito directo e indirecto, o que suporá un incremento do 1% do PIB de Vigo e 590 empregos a tempo completo, de media anual, entre directos e indirectos.

Unha vez construída, o impacto en termos monetarios será de 528 millóns de euros durante os primeiros 20 anos de explotación, o que suporá un incremento do 0,3% do PIB de Vigo e 225 postos de traballo a tempo completo de media anual.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade salientou os beneficios directos que a Saída Sur terá para os usuarios, ao poder concentrar o transporte de viaxeiros nunha única terminal, xa que permite centralizar na estación intermodal de Urzaiz todos os servizos de transporte público, de tren e autobús; evita que a maior parte dos servizos de tren sexan atendidos desde unha terminal ferroviaria provisional, como é a de Guixar; elimina transbordos e esperas aos viaxeiros; ademais dunha redución dos tempos de viaxe, tanto entre Galicia e Portugal, como nos tráficos con Ourense e cara a Madrid: reducións dun 15% no tempo de viaxe entre Vigo e Porto; do 40% entre Santiago e Porto e do 20% entre Vigo e Ourense.

Estas melloras nos servizos ferroviarios levarán aparellado un incremento da demanda de viaxeiros, que en catro anos se multiplicaría por 8, superando os 462.000 viaxeiros ao ano. Ademais, calcúlase que un 35% dos peregrinos lusos se decantarán polo tren como modo de transporte para volver ao seu país.

Ademais, a Saída Sur e a construción do enlace de Bouzas serían determinantes para a actividade do porto, atraendo novos tráficos de carga e descarga de vehículos, cun incremento estimado de 240.000 toneladas ao ano, un 6% máis. Isto significa tamén redución nas emisións asociadas ao transporte de mercadorías nun 80%, evitándose a emisión de máis de 300.000 toneladas de CO² a atmosfera, ademais de sacar tráfico pesado das estradas, o que tamén incidirá positivamente na redución da sinistralidade.

Ethel Vázquez chamou a atención sobre o impacto económico da Saída Sur de Vigo que reflicten os estudos realizados, xa que esta infraestrutura acadaría un índice de rendibilidade do 9,73%, case o dobre do mínimo establecido, do 5,5%, requirido para proxectos deste tipo polo ADIF.

Os resultados arroxados polo estudo acreditan, polo tanto, que se trata dunha infraestrutura clave e estratéxica para o desenvolvemento económico e social da cidade de Vigo, do porto, de toda a súa contorna, do sur da provincia e para toda Galicia e que a súa alta rendibilidade xustifica a súa execución.
A Xunta trasladará os resultados deste Estudo de custo beneficio da Saída Sur de Vigo ao Goberno de España, que é a quen lle corresponde executala, co obxectivo de que aproveite a oportunidade que ofrecen os fondos europeos do Mecanismo Conectar Europa para modernizar a rede ferroviaria de mercadorías do noroeste peninsular, impulsando a conexión do Porto de Vigo, a Saída Sur e apostando de forma decidida polo Corredor Atlántico.

Imaxes relacionadas