A Xunta colabora coas entidades sen ánimo de lucro en programas de inserción laboral para vítimas de violencia de xénero

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe esta convocatoria, que se enmarca no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

A través destas axudas fináncianse itinerarios personalizados para a busca de emprego que inclúe orientación profesional e intermediación coas empresas

Tamén se apoia a conciliación e ofértanse bolsas para sufragar os gastos de desprazamentos co obxectivo de favorecer unha maior participación das mulleres vítimas de violencia de xénero nesta iniciativa

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2020

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria das axudas para que as entidades sen ánimo de lucro poidan poñer en marcha itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción laboral das mulleres vítimas de violencia de xénero.

A través destas subvencións, financiadas ao abeiro do desenvolvemento en Galicia das medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, as vítimas reciben apoio para a súa integración ou reincorporación ao mercado laboral, o que permite avanzar cara a súa recuperación integral. Hai que ter en conta que a falta de recursos propios, sobre todo dun posto de traballo, é un dos principais obstáculos que dificultan en moitas ocasións a ruptura coa situación de violencia.

O orzamento destinado a esta convocatoria bianual é de 725.000 euros, dos que 225.000 corresponden a este exercicio e os 500.000 se distribuirán en 2021. A contía máxima será de 25.000 euros para o período entre o 1 de setembro e o 30 de novembro deste ano e de 75.000 para os proxectos financiados entre o 1 de decembro deste ano e o 30 de xuño de 2021.

Poderán beneficiarse das subvencións desta orde entidades sen ánimo de lucro con programas de inserción laboral dirixidos a mulleres vítimas de violencia de xénero inscritas como demandantes de emprego. Na resolución establécese ademais que terán preferencia para incorporarse ás iniciativas financiadas aquelas mulleres con orde de protección e/ou medidas cautelares vixentes.

A convocatoria financia varios tipos de accións. Entre elas, itinerarios de inserción que inclúan un plan de acción personalizado para a busca de emprego, orientación profesional e asesoramento laboral, acompañamento na busca activa de traballo, intermediación laboral e contacto con empresas, apoio nas empresas en prácticas profesionais non laborais, ademais dun seguimento e unha avaliación do traballo realizado polas mulleres participantes nas entidades nas que se realizaron as contratacións.

Tamén se subvencionan outras actuacións como a formación relacionada co acceso ao emprego. Para facilitarlles ás mulleres vítimas de violencia de xénero a súa participación no seu itinerario de inserción laboral fomentarase a conciliación poñendo á súa disposición servizos de atención persoal ou familiar. Ademais, contarán cunha bolsa económica coa que compensarlles os gastos de transporte ou desprazamentos, entre outros conceptos, derivados da súa incorporación a esta iniciativa.

O prazo para enviar as solicitudes será dun mes desde mañá e deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Imaxes relacionadas