Estas actuacións, que se desenvolverán en máis de 30 estradas autonómicas das 4 provincias ata o mes de xullo, contribúen a previr lumes e reforzar a seguridade viaria

Os traballos de roza e limpeza nas marxes de estradas autonómicas continúan a vindeira semana nas comarcas de Santiago, Celanova, Vigo, Pontevedra, Terra Chá e A Mariña

Estas actuacións desenvolveranse desde o luns nas estradas AC-445, en Corcubión; AC-549, en Santiago; OU-411, en Padrenda e Quintela de Leirado; PO-552, en Vigo e Tui; LU-862, en Xove e San Cibrao; ou na AG-64, en Vilalba e Xermade

Estas actuacións xa se levaron a cabo en semanas pasadas en vías da Mariña, do Baixo Miño, Noia, Ferrol ou Fisterra e seguirán no resto da comunidade

Os traballos céntranse na retirada de especies pirófilas e nas rozas nas marxes das estradas, así como no acondicionamento das sendas para o tránsito peonil

Os obxectivos destes labores son potenciar o efecto cortalumes das estradas, aumentar a seguridade viaria e fomentar a mobilidade segura e sustentable

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2020

Os traballos de roza e limpeza nas marxes das estradas autonómicas continúan a vindeira semana nas comarcas de Santiago, Celanova, Vigo, Pontevedra, Terra Cha e A Mariña.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, está a realizar estas tarefas de acondicionamento nas franxas de dominio público de 30 vías autonómicas das catro provincias para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.
As obras, que xa comezaron o mes pasado, desenvolveranse desde o luns nas estradas AC-554, en Outes; AC-445, en Corcubión e Fisterra; na AC-549, en Santiago; na OU-411, en Padrenda e Quintela de Leirado; na OU-801, en Cortegada; na PO-552, en Vigo e Tui; na PO-250 en Ponte Caldelas e Redondela e tamén nesta mesma estrada procederase ao acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís en Amoedo e Pazos de Borbén; na LU-862, en Xove e San Cibrao; na AG-64, en Vilalba e Xermade e na CG- 2.2, en Lugo e no Corgo.
Estes traballos xa se levaron a cabo nas pasadas semanas nas marxes de vías das contornas da Mariña luguesa, do Baixo Miño, Vigo, Noia, Fisterra ou Ferrol.
Os traballos continuarán nas próximas semanas noutras estradas da comunidade autónoma ata ter finalizados en xullo todos os labores programados.
As tarefas céntranse na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, co fin de previr incendios forestais.
Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas e reducir progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario.
Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas, pensando xa no incremento de uso que experimentan no verán.
As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.

Imaxes relacionadas