O Sergas realizará test de detección da covid aos efectivos da Garda Civil destinados na nosa Comunidade

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o xeneral xefe da Garda Civil en Galicia, Luis Francisco Rodríguez, asinaron un protocolo de actuación

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2020

O Servizo Galego de Saúde realizará test de detección do coronavirus a todos os axentes da Garda Civil que realicen as súas funcións en calquera das catro provincias galegas. En función do resultado do test e da presenza ou non de sintomatoloxía, o profesional sanitario que realice o test serolóxico poderá tomar a decisión de completar o proceso de acordo ao protocolo clínico, nos hospitais públicos do Servizo Galego de Saúde correspondentes á provincia de detección do caso, no prazo máximo de 48 horas.

Garantías sanitarias

As Forzas e corpos de seguridade do Estado na nosa Comunidade Autónoma transmitiron a necesidade de proporcionar a debida seguridade e certeza en orden a que o traballo se realice coas debidas garantías sanitarias, e para despexar calquera dúbida en entornos de traballo e convivencia tan particulares. Por iso, amosaron o seu interese para artellar, a través dun protocolo, os intercambios de información e traslado dos posibles casos de covid, así como a implementación de medidas sanitarias específicas e áxiles que eviten demoras innecesarias ou períodos de inactividade no normal desempeño das súas funcións.

A Garda Civil desenvolve un importante labor na protección da seguridade das persoas así como na asistencia e axuda en situacións de emerxencia que requiren dunha resposta inmediata, polo que, os seus efectivos están expostos ao contaxio no normal desenvolvemento das súas funcións de vixilancia e asistencia.

Esta iniciativa de detección da covid aos efectivos da Garda Civil é consecuencia dun acordo asinado esta semana entre o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o xeneral xefe da Garda Civil en Galicia, Luis Francisco Rodríguez, e suporá a inclusión da covid-19 nos estudos epidemiolóxicos que poida realizar a Benemérita, así como a súa utilización para a posta en marcha de campañas de divulgación e prevención sanitaria.

Igualmente, suporá a inclusión na formación dos efectivos de aqueles aspectos de hixiene, prevención e control de casos de contaxio por covid e a aprobación dun protocolo de medidas hixiénico sanitarias para os axentes en relación co coronavirus.
 

Imaxes relacionadas