A Xunta retoma as obras de supresión dun treito de concentración de accidentes na AC-164, en Bergondo, tras o retranqueo dos servizos e a situación derivada da covid-19

Esta actuación, que rematará a finais de xullo, permitirá a mellora da seguridade viaria entre o cruce coa vía local a San Isidro e a glorieta dos Condes

Executarase unha rotonda na intersección coa estrada local a San Isidro para facer os xiros e cambios de sentido de xeito máis seguro e para calmar o tráfico na zona

Reformaranse interseccións, con execucións de cuñas de cambio de velocidade para facilitar as saídas da estrada ou as incorporacións

A intervención inclúe a mellora do paso de peóns no acceso á Casa do Concello, reforzando os sinais luminosos e ampliando a zona das beirarrúas nesta área

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, vén de retomar as obras de supresión dun treito de concentración de accidentes na AC-164, en Bergondo, tras o retranqueo dos servizos e a situación derivada da covid-19.

Estes traballos, cuxo remate se prevé a finais de xullo, foron adxudicados á empresa Construcciones Ponciano Nieto, S.L. por un importe de case 280.000 euros.

As actuacións estanse a levar a cabo no tramo comprendido entre o punto quilométrico 3+000, na intersección coa estrada local a San Isidro, e o 4+000, na glorieta dos Condes.

A principal intervención consiste na execución dunha glorieta na intersección do punto quilométrico 3 coa estrada a San Isidro. Trátase de habilitar un punto no que realizar xiros e cambios de sentido con seguridade e calmar o tráfico no tramo de actuación.

Tamén se levará a cabo a reforma de interseccións, con actuacións coma a execución de cuñas de cambio de velocidade para facilitar as saídas da estrada ou as incorporacións a ela. Ademais, limitaranse os xiros á esquerda, que deberán de realizarse na nova glorieta.

Tamén se mellorará o paso de peóns no acceso á Casa do Concello mediante o reforzo de sinais luminosos e a ampliación nesta zona das beirarrúas, limitando o aparcamento nos 10 metros anteriores para facilitar así a súa visibilidade.

Imaxes relacionadas