A Xunta adxudica por preto de 565.000 euros as obras de mellora dos accesos aos hospitais Meixoeiro e Nicolás Peña, en Vigo

Os traballos comezarán no vindeiro mes de xullo, coa previsión de telos rematados a finais deste ano

Actuarase nos viarios interiores coa renovación do firme ou a mellora das beirarrúas e habilitaranse 23 pasos de peóns

No Meixoeiro habilitarase un viario para facilitar as comunicacións dentro do recinto e no Nicolás Peña mellorarase o aparcadoiro

Con estas intervencións favorecerase a mobilidade dos pacientes e do persoal sanitario que se achega cada día a estes dous centros hospitalarios

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de mellora dos accesos aos hospitais Meixoeiro e Nicolás Peña, no concello de Vigo.

Os traballos, adxudicados á empresa Petrolam Infraestructuras S.L. por un importe de 563.800 euros, prevén o seu comezo o vindeiro mes de xullo. O obxectivo é poder telos rematados a finais deste ano.

Trátase de reforzar a seguridade viaria e a accesibilidade nos contornos destes hospitais, favorecendo a mobilidade, tanto de pacientes como de todo o persoal sanitario que se achega cada día ás instalacións destes dous hospitais vigueses.

Actuarase nos viarios interiores coa renovación do firme, a mellora das beirarrúas e a reordenación de espazos nas entradas a estes dous centros hospitalarios e, ademais, habilitaranse 23 pasos de peóns.

No hospital Meixoeiro habilitarase un novo viario para facilitar as comunicacións dentro do propio recinto. Será un treito que facilitará a subministración ao propio hospital, evitando que os vehículos que traen o material necesario teñan que saír marcha atrás ou por dirección prohibida.

Tamén se mellorará o aparcadoiro do Nicolás Peña e actuarase nos itinerarios peonís para incidir sobre a accesibilidade e facilitar os desprazamentos a pé dos usuarios.

Ademais, mellorarase a sinalización para reordenar a circulación e regular o estacionamento, xunto á reposición de diversos elementos como vallas peonís ou bolardos.

Estes traballos foron planificados cos responsables do Sergas, analizando as necesidades de actuación. As obras executaranse de modo coordinado cos equipos técnicos sanitarios do Meixoeiro e do Nicolás Peña para interferir o menos posible na actividade hospitalaria.

Esta actuación forma parte dos proxectos de mellora da accesibilidade que se están a impulsar nos principais centros hospitalarios públicos de Galicia.