A Xunta inicia as obras de conservación do firme na estrada OU-320 ao seu paso polos concellos de Sandiás e Allariz

Os traballos, cun importe duns 95.000 euros, céntranse no reforzo localizado do firme nun tramo de 8,32 quilómetros mediante regas asfálticas e regularización previa da superficie, onde sexa necesario

A actuación completarase coa sinalización horizontal completa deste tramo e a revisión da sinalización vertical, con especial atención ás limitacións de velocidade

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar hoxe obras de conservación do firme na estrada de titularidade autonómica OU-320, entre os puntos quilométricos 0 e 08+320, ao seu polos concellos de Sandiás e Allariz.

A actuación do departamento de infraestruturas nesta vía abrangue un tramo de 8,32 quilómetros de lonxitude, que conta cun ancho medio de plataforma duns 7 metros. O importe destas obras rolda os 95.000 euros e execútanse a través dos medios da conservación de estradas.

Os traballos de mantemento na OU-302 consisten nun reforzo localizado do firme mediante regas asfálticas cunha regularización previa da superficie, onde sexa necesario.

Posteriormente procederase á sinalización horizontal completa dos 8,3 quilómetros e á revisión e homoxeneización da sinalización vertical, en especial, no que se refire ás limitacións de velocidade.

Imaxes relacionadas