Xunta e Ence asinan un convenio de colaboración para contratar durante 12 meses a persoas que acaban de titularse

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez; e o director de Ence, Antonio Casal, presentaron hoxe esta iniciativa

Ence destinará 500.000 euros a este proxecto, que se enmarca dentro do Pacto Ambiental asinado coa Xunta

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2020

Xunta e Ence veñen de asinar un convenio de colaboración co obxectivo de contratar durante 12 meses a traballadores que acaban de titularse da provincia de Pontevedra co obxectivo de paliar os efectos económicos provocados pola crise da covid-19.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez; e o director de Ence, Antonio Casal, presentaron hoxe esta iniciativa, que vén a reforzar as accións previstas no Pacto Ambiental acadado entre Xunta e factoría en 2016.

Segundo este novo acordo, Ence destinará 500.000 euros a contratar durante 12 meses a traballadores que acaban de titularse da provincia de Pontevedra. O obxectivo desta medida é axudar a paliar as consecuencias da crise económica provocada pola epidemia da covid-19.

Con esta medida, preténdese facilitar a posterior incorporación laboral ao mercado laboral destas persoas. Ence será quen decida a contratación das persoas cuxas cualificación se adecúe ás necesidades da actividade económica, así como o número de contratos laborais que finalmente se formalizarán.

Esta acción é independente das axudas comprometidas en virtude do programa marco de responsabilidade social corporativa, que están cuantificadas en tres millóns de euros anuais.

Ambos responsables autonómicos destacaron a importancia desta nova iniciativa a favor do emprego e da recuperación económica na comarca de Pontevedra, especialmente agora tras o impacto da covid-19. Neste sentido, agradeceron tamén o compromiso da empresa por reforzar o seu compromiso coa comarca cunha iniciativa como esta.

Imaxes relacionadas