A Xunta e a hostalería pontevedresa coinciden en reforzar a aposta pola formación como garantía de recuperación laboral

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, mantivo esta mañá un encontro telemático cos responsables do Programa Integrado de Emprego (PIE) da Federación Provincial de Empresarios de Hostalería de Pontevedra

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2020

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, mantivo esta mañá un encontro telemático cos responsables do Programa Integrado de Emprego (PIE) da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo.

Casal supeditou a recuperación económica e laboral a apostar pola formación, que permitirá contar con profesionais mellor cualificados, respondendo así ás demandas dos mercados laborais poscovid-19. Deste xeito, o director chamou a incentivar un modelo educativo dual e flexible que traballe pola inserción laboral, e que polo tanto contribúa a reforzar o tecido empresarial da hostalería pontevedresa (en especial pemes e autónomos), definindo perfís especializados neste sector.

O responsable de Orientación e Promoción Laboral sinalou aos Programas Integrados de Emprego como oportunidade para a mellora da empregabilidade, diversificando as competencias dos seus participantes. Neste sentido, Casal asegurou que a vontade da Xunta é a finalización práctica do curso, que se adaptou a un formato virtual por mor da pandemia, e que verá reactivada a formación presencial a partir do vindeiro 1 de xullo, prorrogando o calendario lectivo conforme ás leccións adiadas e axustándose aos criterios sanitarios necesarios.

O PIE da Federación Provincial de Empresarios de Hostalería de Pontevedra conta coa participación de 100 alumnos, todos eles en situación de desemprego e pertencentes a diversos colectivos sociais. O alumnado recibe formación en operacións básicas de hostalería, ademais de contar con aprendizaxe transversal en competencias dixitais (TIC, redes sociais, etc.) e idiomas. Inclúe tamén a posibilidade de realizar prácticas profesionais en establecementos hostaleiros, así como facilidades para a conciliación laboral e familiar.

Imaxes relacionadas