A Xunta licita por máis de 1,4 millóns de euros as obras do novo colector interceptor en Cabanas para a mellora do saneamento

As empresas interesadas neste contrato, que conta cun prazo de execución de 12 meses, poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro 16 de xullo

O novo colector terá unha lonxitude de 1 km, desde o Paseo da Madalena ata o tanque de tormentas e solucionará os problemas actuais de infiltración

Tamén se prevé a execución de dous ramais de colectores secundarios que conectarán co colector interceptor

Estas actuacións forman parte do proxecto de mellora de saneamento nos concellos de Cabanas e Pontedeume
 

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, publica hoxe na plataforma de contratos públicos de Galicia a licitación das obras de execución do novo colector interceptor en Cabanas, por un importe de máis de 1,4 millóns de euros.

As empresas interesadas nesta nova actuación para a mellora do saneamento no municipio, que conta cun prazo de execución de 12 meses, poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 16 de xullo.

Os traballos consistirán na construción dun novo colector interceptor neste municipio, dunha lonxitude de 1 km, desde o Paseo da Madalena ata o novo tanque de tormentas.
Esta infraestrutura hidráulica substituirá a existente co fin de solucionar os problemas actuais de infiltración de auga de mar.

Na intervención tamén se incluirá a execución de dous ramais de colectores secundarios que conectarán co colector interceptor.

Estas obras contribuirán á eliminación dos puntos de vertido á ría e darán servizo a unha poboación de 7.100 habitantes do municipio de Cabanas.

Os traballos contan co cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Estas actuacións forman parte do proxecto de mellora de saneamento que se está a impulsar nos concellos de Cabanas e Pontedeume.

Actualmente, o organismo hidráulico da Xunta executa a renovación do saneamento de Pontedeume e de parte do abastecemento que se ve afectado por estas obras, así como a instalación dun tanque de retención e un bombeo. Estes traballos, adxudicados por 4,2 millóns de euros, prevén o seu remate nos primeiros meses de 2021.

Tamén está redactado o proxecto de execución dun tanque de tormentas neste municipio con saída de bombeo cara a depuradora de Centroña, que comparte co concello de Pontedeume. O proxecto foi remitido ao Concello de Cabanas e, unha vez supere o proceso de información pública, será aprobado.

Estas actuacións, no seu conxunto, son estratéxicas para a mellora da calidade das augas e o avance no saneamento integral das rías galegas, cos beneficios que implica para a pesca, o marisqueo, a acuicultura, o turismo e a saúde.