A Xunta realiza un novo envío de 159.935 unidades de material de protección para facer fronte á covid-19 ás residencias e entidades sociais da provincia da Coruña

Esta semana enviouse unha nova partida a 108 centros de 65.405 máscaras, 93.900 luvas e 630 traxes antisalpicaduras

A Xunta leva entregados nos centros sociais da provincia da Coruña doce envíos desde o inicio da crise

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2020

A Xunta de Galicia vén de facer un novo envío de material de protección fronte á covid-19 con destino ás residencias e entidades sociais da provincia da Coruña, concretamente a 108 centros coruñeses. Nesta provincia a partida inclúe 65.405 máscaras, 93.900 luvas e 630 traxes antisalpicaduras.

Entre as partidas enviadas esta semana incluíronse tamén botes de xel hidroalcohólico e garrafas de desinfectante. No reparto de material tivéronse en conta as peticións que os propios centros e entidades trasladaron á Xunta tendo en conta as súas necesidades actuais.

Ata o de agora, o Goberno galego leva realizado doce envíos de material aos centros sociais da comarca con material de protección.

Estas entregas estanse a realizar a través da plataforma loxística que o Goberno galego puxo en marcha para centralizar a adquisición e a distribución de material de protección durante o estado de alarma e a emerxencia sanitaria polo coronavirus.