A Xunta inicia a execución dun muro para estabilizar un treito de noiro na estrada PO-244 en San Salvador, no Concello de Soutomaior

A actuación, adxudicada por case 50.000 euros, terá un prazo de execución dun mes

Os traballos levaranse a cabo nun treito de noiro afectado por un desprendemento no punto quilométrico 8+050 da citada vía autonómica

As obras consistirán na escavación dunha gabia, a cimentación, a construción dun muro e o recheo da parte traseira con material granular

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2020

A Xunta vén de iniciar as obras de construción dun muro de contención para estabilizar un treito de noiro na estrada PO-244, na parroquia de San Salvador, en Soutomaior.

Esta actuación, adxudicada á empresa AUDECA, S.L.U. por un importe de case 50.000 euros, terá un prazo de execución dun mes.

Os traballos levaranse a cabo nun treito de noiro afectado por un desprendemento no punto quilométrico 8+050 da estrada PO-244.

O desprendemento afecta a un camiño forestal que discorre pola parte superior do noiro, dificultando o tránsito de vehículos. Ese camiño forestal é utilizado, por exemplo, polos medios para extinción de lumes en caso de ser necesario.

Para solucionar estas carencias, escavarase unha gabia, executarase a cimentación con formigón e construirase un muro con bloques de granito. Ademais, disporase o recheo da parte traseira do muro con material granular.

As obras executaranse na súa totalidade sobre o dominio público da estrada, polo que non será necesario realizar ningunha expropiación.

Imaxes relacionadas