Medio centenar de equipos femininos ou mixtos dun total de 94 son patrocinados na primeira fase do plan da Fundación Deporte Galego

En total foron convidados un total de 99 equipos, dos que o 95% (94) solicitaron o patrocinio que se asinará en próximas datas

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2020-

A Fundación Deporte Galego da Secretaría Xeral para o Deporte vén de publicar a resolución definitiva da primeira fase do undécimo Plan de Patrocinio Publicitario dos Equipos de Alta Competición de Galicia relativo ao exercicio de 2020. Esta primeira fase do plan vai dirixida ás entidades galegas que contan con equipos que competiron en modalidades ou especialidades deportivas de máximo nivel estatal en categoría absoluta ou sénior ou previa á absoluta onde as xornadas da súa competición se desenvolveron entre 2019 e 2020. A contía destinada para esta primeira fase do plan será de máis de 2 millóns de euros, grazas á colaboración da Xunta de Galicia e ABANCA, patrocinador oficial do plan.

En total foron convidados un total de 99 equipos, dos que o 95% (94) solicitaron a axuda. Todos os demandantes resultaron beneficiarios dun patrocinio que se asinará nas próximas datas. Cómpre destacar a maioría de equipos femininos patrocinados (46) sobre os masculinos (44) e os mixtos (4), que fai que 50 dos 94 conxuntos beneficiados conten con presenza feminina nos seus equipos. Esta aposta polo deporte feminino referenda o traballo realizado neste eido pola Xunta de Galicia nos últimos anos.

Ademais, os equipos beneficiados representan 11 modalidades e 14 especialidades deportivas (baloncesto, balonmán, baloncesto en cadeira de rodas, fútbol, fútbol sala, hóckey herba, hóckey patines, rugby, voleibol, tenis de mesa, hóckey liña, bádminton, espada e florete). Por provincia, nesta primeira fase do Plan destacan 38 equipos da Coruña, 38 de Pontevedra, 10 de Lugo e 8 de Ourense.

Grazas á consolidación deste plan e a implicación e compromiso das entidades patrocinadas que cumpren estritamente as esixencias publicitarias establecidas pola Fundación, para este ano 2020, unha vez máis, todos os equipos obxecto deste patrocinio serán o escaparate perfecto para demostrar que o Deporte Galego é un soporte publicitario de gran valor para exportar polo mundo a imaxe do noso tecido empresarial galego.

Na segunda fase do plan, que comezará nos vindeiros meses, estímase que outros 113 equipos galegos de alto nivel sexan convidados a participar deste plan da Secretaría Xeral para o Deporte. Esta resolución do Plan de Patrocinio dos Equipos de Alta Competición pode ser consultada na páxina web do Deporte galego.

Plan de patrocinio 2019

En 2019 o Plan de Patrocinio Publicitario beneficiou a un total de 191 equipos en toda Galicia (foron invitados ao programa un total de 213) sendo 100 equipos masculinos, 85 femininos e 6 mixtos. Tanto o orzamento total do plan, o número de equipos subvencionados e o número de equipos femininos están a experimentar un incremento constante desde a primeira edición do plan, na tempada 2009-2010.