A Xunta sinala á formación como garantía de inserción laboral feminina e de fortalecemento do tecido empresarial compostelán

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, reuniuse esta mañá de xeito telemático cos responsables do Programa Integrado de Emprego (PIE) da Asociación de Empresarios e Profesionais CCA Compostela Monumental

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2020

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, mantivo esta mañá un encontro telemático cos responsables do Programa Integrado de Emprego (PIE) da Asociación de Empresarios e Profesionais CCA Compostela Monumental.

Durante a reunión, Casal apuntou á formación de calidade como unha garantía de empregabilidade e de recuperación económica e laboral, reforzando a competitividade das profesionais e asegurando o fortalecemento do tecido empresarial compostelán, particularmente das súas pemes e dos seus autónomos. Deste xeito, o director sinalou aos programas formativos como dinamizadores da ocupación, que constitúen, segundo Casal, unha resposta práctica e efectiva ás demandas das distintas empresas, mellorando o seu rendemento e ofrecendo unha maior diversificación profesional.

A este respecto, o responsable de Orientación e Promoción Laboral puxo de manifesto a vontade da Xunta de reactivar a realización presencial dos programas, que se mantiveron adaptados a un modelo en liña durante o estado de alarma. Así, o curso lectivo físico regresaría a partir do vindeiro 1 de xullo, ofrecendo as garantías sanitarias pertinentes marcadas polos distintos protocolos de seguridade, e establecendo un calendario académico que compense ás sesións pospostas por mor da pandemia.

O programa formativo de Compostela Monumental conta coa participación de 100 usuarias e traballa por mellorar a ocupación de mulleres de distintos grupos sociais en situación de desemprego. As participantes reciben formación práctica en materias como actividades auxiliares de comercio, implantación de produtos e servizos ou escaparatismo comercial. O programa inclúe ademais competencias transversais en alfabetización dixital, aprendizaxe de idiomas (inglés, francés e italiano) ou deseño de marca, ás que se engade a posibilidade de participar en talleres para facilitar contratos de traballo internacionais.