A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, presentaron hoxe en rolda de prensa a nova orde de subvencións

A Xunta publica no DOG a nova convocatoria de axudas á elaboración de plans de emerxencia fronte á seca co obxectivo de que o vindeiro ano 40 concellos dispoñan desta ferramenta

Esta segunda convocatoria está dotada con 250.000 euros, o mesmo importe que o ano pasado supuxo a concesión de axudas a 20 municipios, os cales rematarán a elaboración dos plans en setembro

As axudas, que poden solicitarse desde mañá e ata o 17 de xullo, concederanse conforme a criterios obxectivos, priorizando aos concellos medianos e pequenos

Os concellos non seleccionados na primeira convocatoria poderán volver solicitar a axuda sen necesidade de presentar novamente a documentación

Financiarase ata o 80% do custo da elaboración do plan de emerxencia con ata 15.000 euros por solicitude e cubrindo as actuacións realizadas desde o pasado 1 de xaneiro

Os plans de emerxencia fronte a seca son un instrumento clave para anticiparse e preparar solucións que garantan o abastecemento de auga á poboación

O obxectivo das axudas é apoiar aos concellos á elaboración destes documentos, tendo en conta que actualmente ningún municipio da demarcación hidrográfica Galicia-Costa conta cun plan aprobado conforme á normativa

A Lei de garantía de abastecemento establece un prazo de 2 anos para que os concellos de menos de 20.000 habitantes elaboren plans de emerxencia fronte á seca

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2020

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a nova convocatoria de axudas aos concellos para a elaboración de plans de emerxencia fronte á seca, co obxectivo de que o vindeiro ano, polo menos, 40 municipios da Comunidade dispoñan desta ferramenta.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, presentaron hoxe en rolda de prensa esta convocatoria de subvencións, dotada con 250.000 euros.

Trátase da segunda convocatoria destas axudas e conta co mesmo importe que a do ano pasado, que chegou ata 20 municipios. Actualmente eses concellos están todos a elaborar os seus plans de emerxencia fronte á seca. A previsión é que o vindeiro mes de setembro xa haxa 20 municipios galegos dotados con plans de emerxencia fronte á seca. A nova convocatoria ten por finalidade acadar o vindeiro ano os 40 concellos cos seus documentos preparados para poder anticiparse a posibles situacións de seca.

As novas axudas poden solicitarse desde mañá e ata o 17 de xullo, de acordo cos termos da convocatoria que poden consultarse a través do seguinte enlace: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200617/AnuncioO143-040620-0001_gl.html.

Esta orde de axudas ten por obxectivo prestar apoio técnico e financeiro en materia de augas aos concellos galegos, coa fin de que cada sistema de abastecemento dispoña do seu propio plan de emerxencia fronte á seca e teña claro como reaccionar e actuar ante unha situación de alerta.

Poden solicitar as axudas todos os concellos e serán concedidas conforme a criterios obxectivos, priorizando os pequenos e medianos, de menos de 50.000 habitantes.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade informou, ademais, de que os concellos que non foron seleccionados na convocatoria anterior poderán volver solicitar a axuda sen necesidade de achegar novamente a documentación requirida.

Explicou que as axudas financiarán o 80% do custo da redacción do plan, cun importe de ata 15.000 euros por solicitude e subvencionarán actuacións realizadas desde o 1 de xaneiro. Ademais, as axudas son compatibles co cofinanciamento que acheguen outras administracións públicas, como as deputacións provinciais.

Ethel Vázquez subliñou que os plans de emerxencia fronte a seca son un instrumento clave para anticiparse e preparar solucións que garantan o abastecemento de auga á poboación.

A Xunta, coa convocatoria destas axudas busca apoiar aos concellos na elaboración destes documentos técnicos, tendo en conta que actualmente ningún municipio da demarcación hidrográfica Galicia-Costa conta cun plan aprobado conforme á normativa.

A Lei de garantía de abastecemento de auga, aprobada pola Administración autonómica e que entrou en vigor o pasado mes de xaneiro, establece un prazo de 2 anos para que os concellos de menos de 20.000 habitantes elaboren plans de emerxencia fronte á seca.

A seguinte relación mostra os concellos que están a elaborar un plan de emerxencia fronte á seca coa axuda concedida na convocatoria de 2019:

Concello

Concello de Avión

Concello de Baños de Molgas

Concello de Coles

Concello de Cabana de Bergantiños

Concello da Teixeira

Concello de Xunqueira de Espadanedo

Concello de Lobeira

Concello de Petín

Concello de Manzaneda

Concello da Veiga

Concello do Bolo

Concello de Verea

Concello de Moeche

Concello de Rubiá

Concello de Muíños

Concello de Portomarín

Concello de Bande

Concello do Vicedo

Concello de Vilamartín de Valdeorras

Concello de Vilamarín

Imaxes relacionadas