A Xunta adxudica as obras de mellora da seguridade viaria no contorno do parque empresarial da Pasaxe, en Gondomar

Os traballos, adxudicados por un importe de máis de 352.000 euros, comezarán no vindeiro mes de xullo e centraranse na eliminación dun treito de concentración de accidentes neste tramo da vía que une O Porriño e Gondomar

Construirase unha glorieta no cruce entre a estrada PO-331e a AG-5, reordenaranse os estacionamentos e executaranse beirarrúas para facilitar os percorridos a pé, dispoñendo dun espazo central de separación de carrís
 

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de mellora da seguridade viaria na estrada autonómica PO-331, no contorno do parque empresarial da Pasaxe.

Os traballos, adxudicados á empresa Covsa por un importe de máis de 352.000 euros, prevén o seu comezo o vindeiro mes de xullo.

A intervención nesta estrada autonómica que comunica O Porriño e Gondomar ten como obxectivo a eliminación dun treito de concentración de accidentes, entre o punto quilométrico 11+200 e o 14+600, que coincide na zona máis industrializada, e na zona un pouco máis rural que rodea e conforma os accesos á zona empresarial.

Entre as actuacións proxectadas están a execución dunha glorieta para facilitar os xiros e o acceso á zona empresarial na intersección entre a PO-331 e a AG-57 -a autoestrada do Val Miñor-, a reordenación do estacionamento e construción de beirarrúas ao longo dun treito duns 600 metros da estrada PO-331, para facilitar os desprazamentos a pé. Ademais, para reforzar a seguridade viaria, habilitarase un espazo central de separación entre carrís.

De xeito paralelo, mellorarase o acceso desde a PO-331 ao polígono, co reforzo do firme, nunha zona da estrada na zona máis rural. Ademais, prevese a mellora da seguridade nos pasos peonís, garantindo unha mellor visibilidade coa limitación de aparcamento nas súas proximidades e con iluminación axeitada.

Esta actuación non afectará á Zona de Vincios, onde a mellora da seguridade viaria se acometerá cando o Concello de Gondomar acade o consenso necesario cos veciños.

A intervención na PO-331, no contorno do parque empresarial da Pasaxe, enmárcase na estratexia para ter actuado nos 52 tramos de concentración de accidentes nas estradas de titularidade autonómica no horizonte deste ano.