A Xunta inicia as obras dunha senda peonil na contorna do núcleo de Ponte Ledesma, no Concello de Boqueixón

A actuación, adxudicada por máis de 48.000 euros, conta cun prazo de execución estimado de 2 meses

Executarase un itinerario duns 300 metros na marxe dereita da estrada AC-960, que actualmente carece dunha zona peonil independente do tráfico rodado

A senda terá unha anchura de 1,80 metros, con pavimento de formigón en cor e no contacto coa calzada dispoñeranse bordos de formigón

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar hoxe as obras de construción dunha senda peonil na estrada AC-960, na contorna do núcleo de Ponte Ledesma, no concello de Boqueixón.

Esta actuación, adxudicada á empresa Martínez Montes e Hijos, S.L., por máis de 48.000 euros, ten un prazo de execución de 2 meses.

Os traballos consistirán na execución dun itinerario peonil duns 300 metros de lonxitude na marxe dereita desta estrada de titularidade autonómica, entre os puntos quilométricos 15+970 e 16+270, que actualmente non conta cunha zona peonil independente do tráfico rodado.

A senda terá unha anchura de 1,80 metros, con pavimento de formigón en cor. No contacto coa calzada dispoñeranse bordos de formigón. Para iso será necesario escavar no terreo contiguo á estrada, para rebaixalo e poder executar a senda.

Tamén se construirá unha nova condución de pluviais, cos seus correspondentes pozos de rexistro.

Este proxecto de mobilidade máis saudable e sustentable atende a criterios de integración paisaxística e ao reforzo da seguridade viaria.

Imaxes relacionadas