A Xunta adxudica as obras de mellora da seguridade viaria para a eliminación dun treito de concentración de accidentes na estrada PO-552, nos concellos de Tomiño e Tui

Esta actuación, adxudicada por un importe de máis de 440.000 euros, ten un prazo de execución de 12 meses

A Xunta convocou o 22 e 23 de xullo os titulares dos terreos para a formalización das actas de ocupación e unha vez os terreos estean dispoñibles poderán comezar os traballos

Executaranse glorietas e cuñas para o cambio de velocidade nas interseccións de maior tráfico, actuando sobre un treito de concentración de accidentes

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de mellora de seguridade viaria na estrada PO-552, nos Concellos de Tomiño e Tui.

Estas actuacións, adxudicadas á empresa COVSA por un importe de máis de 440.000 euros, teñen un prazo de execución de 12 meses.

A Xunta convocou os días 22 e 23 de xullo os titulares dos terreos afectados por estas obras para a formalización das actas de ocupación, polo que unha vez rematado este trámite e dispoñibles os terreos, xa poderán comezar os traballos.

Trátase dun proxecto enmarcado na estratexia da Xunta para eliminar os tramos de concentración de accidentes (TCA) nas estradas autonómicas.

As obras levaranse a cabo no treito da PO-552 comprendido entre os puntos quilométricos 58+300 a 64+400 e 68+500 a 69+900.

Os traballos realizaranse entre a glorieta do acceso a Figueiró e a parroquia de Sobrada e proxéctase, ademais, unha mellora da intersección existente na PO-350 no punto quilométrico 71+000, que aínda que está fóra dos treitos cualificados como TCA é necesario mellorar.

As principais actuacións inclúen a construción de tres glorietas: unha na intersección coa PO-344, de acceso ao núcleo de Tomiño; outra ao final da travesía do Ramo, para facilitar os xiros en condicións de seguridade; e outra no punto quilométrico 71+000, para mellorar a seguridade no cruce coa estrada Areas-Tomiño (PO-350).

Tamén se efectuará a mellora da intersección cara a Dorrada, ampliando o carril central de espera para os xiros á esquerda.

Executaranse cuñas para o cambio de velocidade nas interseccións de maior tráfico, para facilitar as saídas da estrada ou as incorporacións a ela, e tamén vías de servizo en varios treitos para canalizar os accesos, permitindo os xiros en puntos máis seguros.