A Xunta destina case 340.000€ aos concellos de Pontevedra para a contratación de 112 socorristas

O Goberno galego apoiará aos concellos da comarca do Salnés con 88.413,48 euros para contratar durante xullo e agosto a 29 socorristas

Pontevedra, 12 de xuño de 2020

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, informou hoxe aos concellos da resolución da orde de axudas que permitirá que os municipios do Salnés poidan contratar durante os meses de xullo e agosto a un total de 29 persoas socorristas.

Os concellos beneficiarios serán A Illa de Arousa, Sanxenxo, e Vilagarcía de Arousa con seis socorristas cada un, O Grove con sete e Meaño e Ribadumia con dous. En total, esta comarca recibirá 88.413,48 para axudar na contratación destes profesionais, xa que é preciso recordar que a contratación de socorristas para praias e piscinas non é competencia autonómica e deben ser os propios concellos os que realizan directamente estes contratos.

Na provincia de Pontevedra serán 112 os socorristas contratados, cunha axuda de 340.000 euros e 31 concellos beneficiados, así como a Mancomunidade do Val Miñor.

A Xunta tamén recorda que coa axuda que permite aos concellos contratar persoal para a vixilancia das praias, ofrécese tamén ás persoas desempregadas unha oportunidade para adquirir unha experiencia laboral que redunda na mellora da súa empregabilidade e que facilita a súa futura inserción no mercado de traballo. O obxectivo é apoiar á Administración local na dinamización da súa economía e seguir contribuíndo a mellorar a inserción laboral no territorio galego.

Os socorristas son unha ferramenta máis para garantir a calidade dos nosos areais, que veñen abaladas pola consecución de bandeiras azuis, 52 na provincia de Pontevedra neste 2020, 5 distintivos que recoñecen a excelencia dos portos deportivos; e 6 sendeiros azuis.

O concello de Sanxenxo volveu a repetir posición como o concello galego – e do conxunto do Estado – con máis bandeiras azuis, con 17 praias distinguidas. Cómpre indicar que Sanxenxo presentou nesta edición unha candidatura individual para as praias de Nosa Señora da Lanzada, O Espiñeiro, Areas Gordas e A Lapa, que foron distinguidas con este distintivo. Na provincia de Pontevedra, destacan tamén o Concello de Vigo, que suma 10 en 2020; Cangas do Morrazo (7), e Marín (con 5 bandeiras).