A Xunta e os comerciantes da Pasaxe salientan a importancia de apostar pola formación para potenciar a empregabilidade e reforzar o tecido empresarial

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, mantivo esta mañá un encontro telemático cos responsables do Programa Integrado de Emprego (PIE) da Asociación de Empresarios A Pasaxe (Gondomar)

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2020

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, mantivo esta mañá un encontro telemático cos responsables do Programa Integrado de Emprego (PIE) da Asociación de Empresarios
A Pasaxe (Gondomar).

Tanto o director xeral como os representantes da asociación coincidiron na necesidade de reforzar os programas formativos para potenciar a empregabilidade e reforzar así o tecido empresarial, unha aposta que consideraron fundamental no novo escenario económico e laboral que se debuxa trala pandemia mundial. Deste xeito, Casal chamou a reforzar a educación especializada e técnica, respondendo coa máxima eficiencia ás demandas de perfís e competencias por parte das empresas e contribuíndo así á recuperación do emprego.

Así mesmo, o responsable de Orientación e Promoción Laboral subliñou a vontade da Xunta de ofrecer as ferramentas para o remate presencial do programa, suspendido por mor da covid-19. Deste xeito, salientou que a Administración galega está a traballar nun programa que garanta as condicións sanitarias necesarias para permitir o regreso ás clases físicas (que se adaptaron a un formato en liña durante a duración do estado de alarma), definindo un calendario equivalente ao período lectivo aprazado.

O programa formativo da Asociación A Pasaxe conta coa participación de 100 usuarios, maioritariamente menores de 30 anos en paro. O alumnado recibe formación certificable en operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais, ademais de educación transversal en competencias dixitais e idiomas (informática, ofimática, inglés). Os participantes contan con sesións de coaching e asesoramento para o emprendemento, xunto coa posibilidade de realizar prácticas profesionais non laborais en empresas asociadas ao programa.

Imaxes relacionadas